Xabier Quiroga

Atuado na braña

by on 18/01/2012

Nestes días, coa morte de Fraga, acordeime dun notábel libro que tiven oportunidade de ler hai xa uns meses. Falo de “Atuado na braña”, de Xabier Quiroga (edición a cargo de Xerais).
Novela longa, entretida, cunha narrativa clara e áxil, “Atuado na braña” ten como protagonista a Luís Salgueiro, empresario de éxito durante os últimos estertores do goberno Fraga.
En certa forma, estamos ante unha novela da memoria, xa que Salgueiro busca as súas orixes en acontecementos directamente relacionados coa ditadura franquista. Pero non só disto escribe Xabier Quiroga. Tamén debuxa unha gorentosa radiografía das relacións de poder entre empresarios e políticos: o que coñecemos por redes clientelares ou caciquismo. Non sei o acertado ou non deste debuxo pero sospeito que é bastante verosímil.
Mais un dos eixos centrais polos que se rexe este fermoso libro é a dualidade aldea/cidade ou, se se prefire, galego/castelán. Dualidade pola cal se asocia o galego coa aldea e o castelán coa cidade: uns papacroios e outros espelidos.
Esa trasnoitada faladuría está moi ben reflectida no libro, sen maniqueísmos e demagoxia.
No final, o galego representa a vía da verdade, do eu propio, do camiño vital necesario para comprendérmonos e comprender o noso lugar no mundo.

{ 0 comentarios }

A memoria do pasado

by on 27/04/2010

represiónQue os rastrollos do franquismo seguen vivos na nosa sociedade vese claramente estes días co galo do caso Garzón e a acusación presentada, entre outras organizacións, por Falange. Estes elementos son os que intenta visibilizar o protagonista do último libro de Xabier Quiroga titulado O cabo do Mundo.
Carlos Pereiro é un profesor afectado cun cancro terminal, que nos últimos estertores da vida decide investigar e recuperar a memoria do seu pasado e da súa familia. Unha memoria durmida que emerxe cando Pereiro descobre a verdade duns terríbeis sucesos acaecidos nos momentos iniciais do golpe militar de xullo do 1936.
A novela, na miña opinión, é unha das mellores escritas en galego que lin ultimamente. A variedade do léxico empregado é marabillosa. Léxico enxebre, que non soa artificioso pois non provén da creación de novas palabras senón dos profundos coñecementos que Xabier Quiroga semella ter da lingua galega.
Ademais, o fío dramático do libro engancha: hai intriga, hai unha historia de redención e de amor frustrado. Todos estes elementos están moi ben artellados e non desencaixan en ningún momento. É dicir, están correctamente cohesionados.
Por se isto fose pouco, ao longo da novela está presente un afán didáctico centrado ao redor da represión franquista durante a Ditadura: Xabier Quiroga proporciónanos datos bibliográficos e testemuñas que nos amosan como cada vez é máis difícil investigar nesa época escura da Nosa Historia e coñecer a última e verdadeira realidade do sucedido neses anos.
En definitiva, Un libro para ler unha e outra vez.

A imaxe que ilustra o post foi collida do usuario de Flickr: Gantz Project e titúlase Represión

{ 0 comentarios }

Licencia Creative Commons
xoseso por Xosé Abelleira está baixo unha Licenza Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 3.0 España.