A entrevista que Carlos Luís Rodríguez lle fixo a Carlos Callón no programa da Tvg Foro Aberto é suxa e dunha tremenda vileza; o que máis me chama a atención son dúas cousas: unha é como Rodríguez tenta constantemente relacionar á MESA como unha asociación exclusivamente nacionalista e, polo tanto, sospeitosa e representante dunha minoría; e outra é como de novo Rodríguez quere xustificar e facer ver ao espectador que a presenza do Ministro Caamaño na manifestación foi un erro del e/ou do Psoe que non sabían onde se metían nin polo que se protestaba.
Mal, moi mal a Tvg.
Fonte: nagalizaemgalego
foto extraída de Flickr; usuario: pioforsky
No Facebook, dende que este sábado se presentou en acto oficial na cidade de Santiago (Facultade de Filoloxía) a plataforma ProLingua, estanse facendo bastantes comentarios sobre a nula presenza dunha noticia coma esa na Tvg, canle pública que -teoricamente- debe promocionar a lingua galega e favorecer, polo tanto, a súa normalización dentro da nosa sociedade. E isto vólvese máis grave cando neste medio si que se lle dá voz a unha organización bilingüe que non é tal e cuxo obxectivo real é desprazar a lingua galega cara a usos anecdóticos. Así pois, a Tvg fai todo o contrario do que debe.
Situacións como a que describo no parágrafo anterior están sucedendo moi a miúdo dentro dos medios de comunicación galegos; tan só hai que lembrarse das palabras que o presidente da Rag -Xosé Ramón Barreiro- lle dirixiu a Feijóo durante a entrega do premio “Casa dos Poetas” de Celanova e comparar o tratamento que a noticia tivo en Xornal.com e A Nosa Terra vs. La Voz de Galicia.
Non sei a vos pero a min todo isto paréceme bastante lamentábel.