Este é o relato dun amor extraordinario de dous adolescentes, Simón e Anabel… Así reza a contraportada deste libro. A historia deses dous personaxes é a que dá pé ao devir de acontecementos que suceden neste relato de Manuel Lourenzo González pero, sobre todo, o libro fálanos do destino xa escrito ao que debemos facer fronte e que non podemos cambiar ou evitar. Esta é a “tese” que o escritor nos quere transmitir, o verdadeiro tema deste relato onde o amor ten unha importancia vital.
O inicio d’ O Xardín das pedras flotantes está moi ben logrado e conseguiu engancharme rapidamente: a presentación de personaxes, o modo en que conectan uns con outros, as relacións que estabelecen entre eles…
A segunda parte resultoume menos apaixoante; e non porque o que se conta careza de interese senón que se incide demasiado no amor entre Simón e Anabel, remárcase en exceso.
Na terceira e derradeira parte (desenlace) o relato finaliza concorde á “tese” do destino escrito. Acaba cun final circular que, honestamente, deixoume bastante indiferente, talvez, por convencional.
A parte de cuestións relacionadas coas calidades literarias da obra que nos ocupa cómpre facer fincapé sobre un particular: o excesivo número de erros tipográficos que presenta aínda sendo esta unha primeira edición.
Resumindo, unha interesante novela de cincocentas páxinas e con algúns altibaixos na parte central que se le dunha vez.
{ 2 comments }

