Lost

The Stand

by on 03/08/2010

portada do libro

Despois de ver o final de Lost (aborrecido por uns e alabado por outros) -e posto que é unha das miñas series de cabeceira- lembrei que en numerosos capítulos desta serie de ciencia- ficción se fai referencia a diversos libros nos que os guionistas se basearon para desenvolver a historia da misteriosa illa. Un deles, talvez o máis influínte, é a versión alongada e reelaborada de The Stand de Stephen King: editado en castelán co título: Apocalipsis. Se a isto engadimos o feito de que ata o de agora nunca lera nada do prolífico e famoso escritor norteamericano decidín que xa tiña unha boa razón para comezar a lectura desta novela de mil cincocentas páxinas, mais con certas reservas: pois -é unha percepción persoal- asocio a Stephen King cun tipo de literatura excesivamente mediática e de consumo rápido da que non gusto moito.
O caso é que hai uns días rematei a lectura e a conclusión é que levei unha sorpresa  agradábel pois resultoume un bo entretemento para esta época soleada do ano.
Non sei no resto da súa obra pero, neste caso en particular, a narrativa de King pareceume sinxela (no bo sentido): estruturas sintácticas non complexas e vocabulario exento de palabras cultas, case que informal.
A historia desenvólvese nun contexto onde predominan as referencias á Biblia e á cultura popular norteamericana: grupos ou solistas musicais, autores e cine. Por exemplo, cinguíndome aos autores, vénme ágora á cabeza Lovecraft, Wells, Poe e Tolkien.
O fío argumental de The Stand é anecdótico: En 1990 un virus mortal -coñecido coma o Capitán Trotamundos- esténdese polos Estados Unidos e mata á práctica totalidade da poboación. Tan só quedan uns poucos superviventes que deben combater a un home chamado Randall Flagg (encarnación do propio Belcebú) que quere aniquilar ao resto de seres humanos que non concorden coas súas ideas: militarismo, exaltación do odio, cultura do medo, etc. É dicir, a típica loita entre o ben e o mal.
Pero, sobre todo, King céntrase nos personaxes: os seus matices sicolóxicos, por qué son dun xeito e non doutro, a redención dos mesmos; en poucas palabras: a propia comprensión do eu interior.
Polo tanto, e a pesar de que hai cousas deste libro que me disgustaron -entre elas un certo tufo patriótico- debo dicir que me sorprendeu e moi probabelmente volva ler algunha novela máis do escritor de Maine.

{ 0 comentarios }

Licencia Creative Commons
xoseso por Xosé Abelleira está baixo unha Licenza Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 3.0 España.