Kaneto Shindo

Kuroneko

by on 16/03/2010

No 1968, Kaneto Shindo dirixía Kuroneko (Gato negro). Longametraxe chea de numerosas similitudes con Onibaba -a súa anterior obra; algunhas delas son: estamos -de novo- ante una historia de terror, hai un trío protagonista (dúas mulleres e un home) e talvez a máis destacada sexa o tratamento do tema sobrenatural, que se ben en Onibaba funciona coma adxacente á historia principal, en Kuroneko ten un protagonismo evidente.

cartel da película

O filme en si:

CONTEXTO

Xapón, época de guerras; os samurais están nos inicios do seu apoxeo.

SINOPSE ARGUMENTAL

Gintoki é un mozo que vive coa súa nai e a súa muller nunha humilde casa labrega situada preto dun campo de bambú.Un día é reclutado forzosamente por unha das faccións que interveñen na guerra e obrigado a loitar.
Pasan os anos; nai e muller agardan a volta de Gintoki pero un feito inesperado sucede: son atacadas, violadas e asasinadas por un grupo de samurais que entran na casa delas. Como consecuencia dese fatal feito, as dúas mulleres convértense en fantasmas que matan sen descanso a todos os samurais que poden -engatusándoos- pero nunha das súas saídas atópanse con Gintoki -convertido agora nun samurai respectado-. Os tres quedan sorprendidos do encontro.
A partires de aquí a historia céntrase nos efectos dese encontro posto que non foi unha simple casualidade xa que Gintoki ten como misión (encárgalla o xefe do seu clan) matar aos fantasmas asasinos de samurais. Obviamente, iso non lle vai resultar fácil posto que as recoñece e dáse conta de quen son realmente.
Neste punto é cando se chega ao clímax do filme onde converxen os intereses das dúas partes: por un lado Gintoki -que ten o deber de cumprir a súa misión- e por outro o da nai e muller de Gintoki -que teñen unha promesa feita aos espíritos malignos: a de matar a todos os samurais (Gintoki incluído)-.
O final do filme (que non vou contar) paréceme satisfactorio e coherente co resto da historia que Shindo nos conta pero en liñas xerais Kuroneko é unha obra lixeiramente inferior a Onibaba.

{ 0 comentarios }

Onibaba

by on 11/03/2010

Nunha época turbia da historia do Xapón (de guerras entre varios soghunatos) desenvólvese Onibaba, dirixida por Kaneto Shindo.

cartel da película
Tres son os protagonistas principais deste filme: Kichi: un mozo que vai na guerra; a muller e a nai de Kichi. As dúas últimas viven xuntas nun alboio emprazado e camuflado no medio duns campos de susuki, unha especie de herbas de gran tamaño. Para poder sobrevivir saquean e matan aos soldados que dan cos seus ósos neses campos ben por loitas ou por desercións.
A vida destas dúas mulleres é espartana pero cos alimentos que conseguen mediante os saqueos son capaces de valerse por si mesmas.
A súa tranquilidade vese rota coa chegada de Hachi, un soldado desertor que partira para a guerra con Kichi. Hachi cóntalle ás mulleres que este foi asasinado e que non puido facer nada para impedilo.
Perante a tristeza inicial que causa esta noticas nas dúas protagonistas volven co paso do tempo á súa vida cotiá e a muller de Hachi sabendo da imposibilidade de volver ver ao seu marido inicia unha relación con Hachi. Esta relación é vista con malos ollos pola nai de Kichi pois sábese vella e ten medo a quedar soa, e ademais dáse conta de que probablemente nunca máis vai poder voltar a gozar dos praceres do sexo. A tensión entre estes tres protagonistas permanece ao longo de toda a metraxe ata o seu clímax final no que a nai de Kichi tenta manipular á súa muller imbuíndolle ideas de carácter relixioso na súa cabeza e, polo tanto, dicíndolle que a relación que mantén con Hachi e pecaminosa e o que conseguirá é rematar no inferno.
A xogada sáelle mal á nai de Kichi volvéndose na súa contra.  Esta situación produce unha lea entre elas dúas e paralelamente Hachi é asasinado por un misterioso soldado que entra na casa del.
Filme que permite varias lecturas e con numerosos elementos de terror , tensión sexual, ambiente claustrofóbico e unha certa crenza en forzas malignas, Onibaba é, para min, unha das mellores películas que vin recentemente.

{ 1 comment }

Licencia Creative Commons
xoseso por Xosé Abelleira está baixo unha Licenza Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 3.0 España.