Edicións Xerais

Atuado na braña

by on 18/01/2012

Nestes días, coa morte de Fraga, acordeime dun notábel libro que tiven oportunidade de ler hai xa uns meses. Falo de “Atuado na braña”, de Xabier Quiroga (edición a cargo de Xerais).
Novela longa, entretida, cunha narrativa clara e áxil, “Atuado na braña” ten como protagonista a Luís Salgueiro, empresario de éxito durante os últimos estertores do goberno Fraga.
En certa forma, estamos ante unha novela da memoria, xa que Salgueiro busca as súas orixes en acontecementos directamente relacionados coa ditadura franquista. Pero non só disto escribe Xabier Quiroga. Tamén debuxa unha gorentosa radiografía das relacións de poder entre empresarios e políticos: o que coñecemos por redes clientelares ou caciquismo. Non sei o acertado ou non deste debuxo pero sospeito que é bastante verosímil.
Mais un dos eixos centrais polos que se rexe este fermoso libro é a dualidade aldea/cidade ou, se se prefire, galego/castelán. Dualidade pola cal se asocia o galego coa aldea e o castelán coa cidade: uns papacroios e outros espelidos.
Esa trasnoitada faladuría está moi ben reflectida no libro, sen maniqueísmos e demagoxia.
No final, o galego representa a vía da verdade, do eu propio, do camiño vital necesario para comprendérmonos e comprender o noso lugar no mundo.

{ 0 comentarios }

A Galiza real

by on 23/06/2010

portada do libro

Contra o pensamento túzaro, a Galiza neoconservadora e o político posh Manuel O´Rivas pón á disposición do lector unha recopilación de artigos publicados no suplemento Luces da edición de Galicia de El País nos que demostra non só que outra Galiza é posíbel senón que, de feito, xa existe e é a nós quen corresponde facela visíbel.
O´Rivas ofrece unha serie de ferramentas aos lectores para que nos conciencemos desa outra galeguidade visíbel e internacional. Por exemplo, fálanos de personaxes históricos e actuais relacionados con Galicia e que nos poden servir de modelo para defendérmonos dese  pensamento túzaro: Ramón María Aller, Xoaquín Loriga, Elena Poniatowska, Albino González, Antón Mouzo, Martin Sheen, Méndez Ferrín…
E algo que para min sempre é de agradecer nun libro: o propio autor proponnos lecturas, ofrécenos numerosas referencias literarias…

{ 0 comentarios }

A memoria do pasado

by on 27/04/2010

represiónQue os rastrollos do franquismo seguen vivos na nosa sociedade vese claramente estes días co galo do caso Garzón e a acusación presentada, entre outras organizacións, por Falange. Estes elementos son os que intenta visibilizar o protagonista do último libro de Xabier Quiroga titulado O cabo do Mundo.
Carlos Pereiro é un profesor afectado cun cancro terminal, que nos últimos estertores da vida decide investigar e recuperar a memoria do seu pasado e da súa familia. Unha memoria durmida que emerxe cando Pereiro descobre a verdade duns terríbeis sucesos acaecidos nos momentos iniciais do golpe militar de xullo do 1936.
A novela, na miña opinión, é unha das mellores escritas en galego que lin ultimamente. A variedade do léxico empregado é marabillosa. Léxico enxebre, que non soa artificioso pois non provén da creación de novas palabras senón dos profundos coñecementos que Xabier Quiroga semella ter da lingua galega.
Ademais, o fío dramático do libro engancha: hai intriga, hai unha historia de redención e de amor frustrado. Todos estes elementos están moi ben artellados e non desencaixan en ningún momento. É dicir, están correctamente cohesionados.
Por se isto fose pouco, ao longo da novela está presente un afán didáctico centrado ao redor da represión franquista durante a Ditadura: Xabier Quiroga proporciónanos datos bibliográficos e testemuñas que nos amosan como cada vez é máis difícil investigar nesa época escura da Nosa Historia e coñecer a última e verdadeira realidade do sucedido neses anos.
En definitiva, Un libro para ler unha e outra vez.

A imaxe que ilustra o post foi collida do usuario de Flickr: Gantz Project e titúlase Represión

{ 0 comentarios }

portada libro

foto extraída de Flickr; usuario: EugeniusD80

Este é o relato dun amor extraordinario de dous adolescentes, Simón e Anabel… Así reza a contraportada deste libro. A historia deses dous personaxes é a que dá pé ao devir de acontecementos que suceden neste relato de Manuel Lourenzo González pero, sobre todo, o libro fálanos do destino xa escrito ao que debemos facer fronte e que non podemos cambiar ou evitar. Esta é a “tese” que o escritor nos quere transmitir, o verdadeiro tema deste relato onde o amor ten unha importancia vital.
O inicio d’ O Xardín das pedras flotantes está moi ben logrado e conseguiu engancharme rapidamente: a presentación de personaxes, o modo en que conectan uns con outros, as relacións que estabelecen entre eles…
A segunda parte resultoume menos apaixoante; e non porque o que se conta careza de interese senón que se incide demasiado no amor entre Simón e Anabel, remárcase en exceso.
Na terceira e derradeira parte (desenlace) o relato finaliza concorde á “tese” do destino escrito. Acaba cun final circular que, honestamente, deixoume bastante indiferente, talvez, por convencional.

A parte de cuestións relacionadas coas calidades literarias da obra que nos ocupa cómpre facer fincapé sobre un particular: o excesivo número de erros tipográficos que presenta aínda sendo esta unha primeira edición.
Resumindo, unha interesante novela de cincocentas páxinas e con algúns altibaixos na parte central que se le dunha vez.

{ 2 comments }

Monbars o Exterminador

by on 12/08/2009

portada libro

Fotografía: Fran Herbello

Este libro de Hixinio Puentes sorprendeume. Escollino sen ter lida ningunha referencia sobre el con anterioridade. O libro en si é moi bo: de lectura áxil, cunha gran riqueza de vocabulario e unha historia interesante. Unha historia de aventuras, de piratas… As diversas personaxes que conforman o relato están ben desenvoltas: non hai xiros inesperados ou situacións fóra de contexto senón que o que lles acontece e sucede é ,en todo momento, coherente co que se nos conta. Talvez a única pega que se lle pode pór ao libro é que a historia da familia dun dos protagonista do relato (o Corvo) recibe un final apurado, feito ás présas. Polo demais, unha lectura moi recomendábel.

{ 0 comentarios }

Licencia Creative Commons
xoseso por Xosé Abelleira está baixo unha Licenza Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 3.0 España.