drama

Kuroneko

by on 16/03/2010

No 1968, Kaneto Shindo dirixía Kuroneko (Gato negro). Longametraxe chea de numerosas similitudes con Onibaba -a súa anterior obra; algunhas delas son: estamos -de novo- ante una historia de terror, hai un trío protagonista (dúas mulleres e un home) e talvez a máis destacada sexa o tratamento do tema sobrenatural, que se ben en Onibaba funciona coma adxacente á historia principal, en Kuroneko ten un protagonismo evidente.

cartel da película

O filme en si:

CONTEXTO

Xapón, época de guerras; os samurais están nos inicios do seu apoxeo.

SINOPSE ARGUMENTAL

Gintoki é un mozo que vive coa súa nai e a súa muller nunha humilde casa labrega situada preto dun campo de bambú.Un día é reclutado forzosamente por unha das faccións que interveñen na guerra e obrigado a loitar.
Pasan os anos; nai e muller agardan a volta de Gintoki pero un feito inesperado sucede: son atacadas, violadas e asasinadas por un grupo de samurais que entran na casa delas. Como consecuencia dese fatal feito, as dúas mulleres convértense en fantasmas que matan sen descanso a todos os samurais que poden -engatusándoos- pero nunha das súas saídas atópanse con Gintoki -convertido agora nun samurai respectado-. Os tres quedan sorprendidos do encontro.
A partires de aquí a historia céntrase nos efectos dese encontro posto que non foi unha simple casualidade xa que Gintoki ten como misión (encárgalla o xefe do seu clan) matar aos fantasmas asasinos de samurais. Obviamente, iso non lle vai resultar fácil posto que as recoñece e dáse conta de quen son realmente.
Neste punto é cando se chega ao clímax do filme onde converxen os intereses das dúas partes: por un lado Gintoki -que ten o deber de cumprir a súa misión- e por outro o da nai e muller de Gintoki -que teñen unha promesa feita aos espíritos malignos: a de matar a todos os samurais (Gintoki incluído)-.
O final do filme (que non vou contar) paréceme satisfactorio e coherente co resto da historia que Shindo nos conta pero en liñas xerais Kuroneko é unha obra lixeiramente inferior a Onibaba.

{ 0 comentarios }

Onibaba

by on 11/03/2010

Nunha época turbia da historia do Xapón (de guerras entre varios soghunatos) desenvólvese Onibaba, dirixida por Kaneto Shindo.

cartel da película
Tres son os protagonistas principais deste filme: Kichi: un mozo que vai na guerra; a muller e a nai de Kichi. As dúas últimas viven xuntas nun alboio emprazado e camuflado no medio duns campos de susuki, unha especie de herbas de gran tamaño. Para poder sobrevivir saquean e matan aos soldados que dan cos seus ósos neses campos ben por loitas ou por desercións.
A vida destas dúas mulleres é espartana pero cos alimentos que conseguen mediante os saqueos son capaces de valerse por si mesmas.
A súa tranquilidade vese rota coa chegada de Hachi, un soldado desertor que partira para a guerra con Kichi. Hachi cóntalle ás mulleres que este foi asasinado e que non puido facer nada para impedilo.
Perante a tristeza inicial que causa esta noticas nas dúas protagonistas volven co paso do tempo á súa vida cotiá e a muller de Hachi sabendo da imposibilidade de volver ver ao seu marido inicia unha relación con Hachi. Esta relación é vista con malos ollos pola nai de Kichi pois sábese vella e ten medo a quedar soa, e ademais dáse conta de que probablemente nunca máis vai poder voltar a gozar dos praceres do sexo. A tensión entre estes tres protagonistas permanece ao longo de toda a metraxe ata o seu clímax final no que a nai de Kichi tenta manipular á súa muller imbuíndolle ideas de carácter relixioso na súa cabeza e, polo tanto, dicíndolle que a relación que mantén con Hachi e pecaminosa e o que conseguirá é rematar no inferno.
A xogada sáelle mal á nai de Kichi volvéndose na súa contra.  Esta situación produce unha lea entre elas dúas e paralelamente Hachi é asasinado por un misterioso soldado que entra na casa del.
Filme que permite varias lecturas e con numerosos elementos de terror , tensión sexual, ambiente claustrofóbico e unha certa crenza en forzas malignas, Onibaba é, para min, unha das mellores películas que vin recentemente.

{ 1 comment }

O can branco

by on 05/01/2010

cartel da película

fotograma do filme

A lacra que é o racismo aparece contundentemente retratada neste filme de Samuel Fuller (coescrito por el máis Curtis Hanson -o director de L.A. Confidential-) cuxo título orixinal é: White Dog.
O protagonista do relato é un can branco adestrado para atacar só a persoas de cor negra.
Julie Sawyer (tamén protagonista da historia) é unha muller da clase media estadounidense, actriz; ela faise cargo do can cando un día o atopa perdido preto da casa dela. Ao principio Julie ignora o truculento adestramento do can e séntese segura con el, sobre todo, despois de que este o defenda dun intento de violación na propia casa da protagonista.
Todo cambia cando un día o can desaparece da casa de Julie e -pola noite- ataca a un home de cor negra. Grazas á insistencia do seu mozo (e a pesar das reticencias dela) lévao a uns adestradores profesionais para ver se unha reeducación é posíbel. De primeiras, un dos profesionais dille que o mellor é matalo, que non ten remedio; pero un dos traballadores -Keys- nomeadamente de cor negra, acepta o desafío, que a priori se presenta imposíbel. Xa non é a primeira vez que Keys intenta reeducar a un can deste tipo mais alberga esperanzas. A partir de aquí o filme céntrase no readestramento do can; de se ese cambio é factíbel. Continuamente vemos como Keys non obtén resultados pero é constante e non se rende. Chegamos así ao final da historia, co intento de asasinato do xefe do clube de adestradores por parte do can e, consecuentemente, coa derrota de Keys, que é o fracaso colectivo de toda a sociedade por intentar eliminar dunha forma razoada o racismo da nosa sociedade.
Evidentemente, todo o filme é unha gran metáfora: o can branco representa -para min- o odio, a incomprensión que existe na sociedade humana cara ao diferente. E ese odio que profesamos pódese volver na nosa contra, tal e como aparece reflectido no final do filme, pois o xefe do clube de adestradores -que o can fire- é de cor branca.

{ 0 comentarios }

AntiCristo

by on 06/12/2009

AntiCristo (Antichrist) -do danés Lars Von Trier- é un filme provocador e, en certos momentos, difícil de ver. Está protagonizado por Willen Dafoe -que interpreta o personaxe de El- e Charlotte Gainsbourg -que interpreta a personaxe de Ela-. Ambos os dous  caracteres teñen nomes xenéricos pois representan o xénero masculino e o xénero feminino.
A maior parte da película desenvólvese nun espazo xeográfico (e mental) coñecido como Edén. Así pois,  El é unha especie de Adán moderno e Ela a correspondente Eva.

cartel da película
Antichrist -que Von Trier divide en catro capítulos máis un epílogo- comeza co suceso fatal  que dá orixe aos acontecementos que van devir nesta longametraxe: a morte do neno da parella mentres esta goza cos praceres da carne.
Despois deste tráxico suceso deciden emprender a viaxe que os leva até  Edén: un bosque apartado, en terra de ningures, no que hai unha vella casa de madeira. É neste espazo onde Ela comeza o seu proceso para tratar de superar o tráxico acontecer inicial; e digo Ela porque o personaxe de Dafoe parece que non sofre un trauma profundo, talvez debido á súa formación académica: sicólogo.
A partir de aquí o filme dá un xiro radical e vai por outros derroteiros. A vida en Edén convértese nun auténtico pesadelo. Ela cada dia está máis deprimida e só atopa instantes de felicidade  cando fornica co seu marido. Isto induce nela sentimentos encontrados que acaban saíndo á luz cando nun lance dá un golpe tremendo cun obxecto ao pene del e deseguido insire na sua perna esquerda unha pedra de afiar (incríbel a truculencia desta secuencia) para que non escape e poder ,probabelmente, torturalo a pracer até a morte. Pero, contra todo pronostico, El consegue escapar e iníciase unha secuencia de eventos que rematan cos dous personaxes na casa de Edén; neste intre ocorren dúas accións simultaneas: unha revelación interior da nosa protagonista e o intento  de asasinato (por parte dela) ao marido mentres que este loita por desfacerse da pedra de afiar que ten atada á sua perna. Cando o consegue El estrangúlaa e dá comezo o epílogo do filme, do que aquí non direi nada pero que, para min, pón de manifesto o carácter misóxino da obra de Von Trier.

{ 2 comments }

Licencia Creative Commons
xoseso por Xosé Abelleira está baixo unha Licenza Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 3.0 España.