
Decepción é a palabra que me vén á cabeza para falarvos deste filme de Zack Snyder —director de Dawn of the Dead, 300 ou Watchmen—. Filme que agardaba fose unha viaxe visual inesquecíbel e moi, moi entretida; pero, pola contra: Sucker Punch é unha mala mestura de moitas cousas: influencias dos videoxogos, da banda deseñada xaponesa, dos videoclips…
Porén, o inicio é prometedor: Snyder resúmenos, en poucos minutos, a triste historia da protagonista principal Baby Doll (interpretada pola fermosa e inexpresiva Emily Browning): unha anxelical e inocente rapariga maltratada polo seu padrastro e que mediante unha serie de desgrazas acaba recluída nunha institución mental, onde comparte cautiverio con mozas da súa idade.
De aquí en diante somos partícipes da vida de Baby Doll e das súas colegas na institución mental pero —ese mundo— amosásenos desde o particular punto de vista da nosa protagonista e compañeiras: o manicomio aparece representado coma se fose un vodevil, e onde elas —na vez de reclusas mentais— son bailarinas sometidas ao látego dun cruel xefe e da súa man dereita (interpretado por Oscar Isaac; actor que aparecía en Agora de Alejandro Amenábar).
Polo tanto, a película desenvólvese en dous niveis dramáticos ou realidades: o manicomio e a visión particular do mesmo que teñen Baby Doll e as súas amigas. Mais aínda nos queda unha terceira realidade: a máis fantástica das tres, e que é inventada, na súa totalidade, por Baby Doll: Este terceiro nivel aparece cando ela ten que bailar para os encargados do vodevil. Nunca somos testemuñas deses bailes; no seu lugar presenciamos unhas incríbeis e videoclipeiras imaxes cheas de elementos CGI. Imaxes que testemuñan o portento visual do que Zack Snyder é capaz: debo recoñecer que a primeira escena deste tipo que contén a canción Army of Me de Björk é impresionante.
Pero, e aquí e onde atopo un dos grandes fallos desta obra, estas escenas hiperfantásticas están metidas de maneira forzosa, non enlazan co argumento central da película e carecen de tensión dramática. En verdade que cando as vía non me interesaba o máis mínimo o que sucedía nelas. Outro tanto ocorre coas aventuras no mundo vodevil que aparece na película: conforme avanza a metraxe a busca dos cinco elementos necesarios para poder escapar desa realidade alternativa e —por asimilación— do manicomio resulta absurdo, sen sentido.
Poderédesme dicir: por que buscar lóxica cando falamos de mundos imaxinarios cuxa orixe son os soños? Porque creo —firmemente— que un guión, unha historia debe ser capaz de transmitir unha certa coherencia, unha tensión dramática da que, desafortunamente, Sucker Punch carece.
Polo xeral, a película —cun custo aproximado de 82 millóns de dolares— está sendo un fracaso sonado a nivel mundial e as críticas que circulan pola Rede non a deixan moi ben parada, se ben hai excepcións.
Pola miña parte, e xa para rematar con esta parrafada, dicirvos que me levei unha desilusión tremenda con esta obra cinematográfica e que confirma as miñas sospeitas de que o sobrevalorado director de 300 debe repensar a súa carreira se non quere acumular tres fracasos seguidos: Watchmen, esta Sucker Punch e a vindeira de Superman que, en principio, vai ser o encargado de dirixir.

No concello onde vivo hai dispoñíbeis numerosas instalacións deportivas, entre as que destacan os campos de fútbol e un polideportivo. Ademais tamén contamos con outro tipo de canchas ou pistas para practicar deportes tales coma o fútbol, tenis ou baloncesto. Instalacións que están repartidas ao longo de todo o concello.
Se ben debo admitir que non son un gran consumidor deste tipo de espazos deportivos (antes si o era) e, polo tanto, non podo facer unha valoración adecuada do estado no que se atopan a maioría deles, non deixa de ser menos certo que este verán si usei con certa asiduidade as pistas de tenis que o concello -como xa dixen- ten ao dispor dos veciños e veciñas: de forma gratuíta e sen necesidade de ter que pedir hora.
En total, e que eu saiba, dispoñemos -para o noso goce- de catro espazos preparados para tal actividade deportiva (o tenis). O estado de cada unha delas é o que segue:
Pista 1:
- Aspectos positivos: En apariencia, a súa construción é recente, polo tanto, o campo de xogo e as liñas que o compoñen están recén pintadas; é unha pista para xogar exclusivamente ao tenis, non hai portarías e canastras de baloncesto que entorpezan a nosa actividade; hai unha alambrada que cerca toda a pista e que diminúe a posibilidade de perdermos bólas ou telas que ir buscar ao quinto pino (cousa moi habitual xogando ao tenis).
- Aspectos negativos: O material da pista (unha especie de cemento) xunto coa pintura que lle aplicaron produce unha superfice coma granulada e, se a isto engadimos un certo desnivel do que consta o terreo de xogo fai que a bóla efectúe numerosos estraños durante o lance do xogo; o terreo debería ser máis grande pois cando lanzas bólas ao fondo da pista non tes o suficiente espazo para devolvelas; se ben hai alambrada ao redor de toda a pista, esta é irregular con numerosos puntos por onde se poden colar as bólas.
Conclusións: Unha pista con posibilidades pero bastante deficitaria á hora de querer xogar un partido de tenis con certa continuidade debido, sobre todo, ao estado da pista e ao espazo reducido da mesma en certos puntos.
Pista 2:
- Aspectos positivos: Tamén de construción recente; a alambrada cerca toda a pista; o terreo de xogo semella non ter un gran desnivel e o material do mesmo (unha especie de parqué) é óptimo para longos peloteos ou para un xogo continuado no que non se produzan efectos estraños da bóla.
- Aspectos negativos: A pista é multiusos pois contén portarías e canastras de baloncesto o que provoca que poidas ter alguén xogando ao basquet mentres ti estás dándolle á raqueta (algo verdadeiramente moi molesto); como consecuencia do anterior, a pista contén numerosas liñas ou marcas que se superpoñen para delimitar o terreo de xogo de cada deporte e isto, para o caso do tenis, é unha dificultade innecesaria pois ás veces non sabes se unha bóla vai fóra ou non durante o xogo; a alambrada contén numerosas irregularidades; ao ser, e xa o adianto, unha pista decentemente acondicionada para a práctica do tenis a xente que acode a ela é numerosa e sucédense os casos nos que mentres ti estás xogando hai unha boa morea de xente agardando e preguntándoche cando vas rematar. Se ven que tardas comezan a vociferar e a facer ruídos molestos para ver se rematan coa túa paciencia e te vas.
Conclusións: Unha pista ideal para a práctica do tenis, tanto polo material do que está feita como pola súa amplitude pero con importantes defiencias que reducen, en moito, as súas posibilidades.
Pista 3:
- Aspectos positivos: Talvez máis vella que as vistas até agora pero en boas condicións: o terreo de xogo é amplo, a alambrada é bastante regular e a pista non parece ter moito desnivel nin granulación, aínda sendo dun material semellante ao da Pista 1.
- Aspectos negativos: Non é de dedicación exclusiva pois hai portarías nela pero, neste caso, é un mal menor pois ao ser un terreo de xogo bastante amplo e ao estar só pintadas as liñas de xogo do tenis non dificulta a nosa actividade; a rede non está nunhas condicións ideais; se non es da zona non é fácil dar con ela.
Conclusións: Aínda que o terreo de xogo da Pista 2 é o ideal o desta Pista 3 é bastante aceptábel e permite unha boa continuidade no xogo. A pista é ampla e a alambrada está nunhas condicións aceptábeis.
Pista 4:
- Aspectos positivos: Ningún.
- Aspectos negativos: Probabelmente esta é a pista máis vella de todas as que levamos visto ou a que peor aguanta o paso do tempo; o terreo de xogo é pequeno e, aínda por riba, contén dúas portarías que o fan ridículo. A pista está nun estado deplorábel, as liñas mal pintadas e o dato máis curioso é que non dispoñemos de rede para xogar ao tenis e, polo que me dixeron outros afecionados, xa leva tempo así; se non es da zona non é nada fácil dar con ela.
Conclusións: Este espazo deportivo precisa dunha rehabilitación urxente.
Ante esta situación que debería facer o concello:
- Habilitar pistas de tenis só para xogar a este deporte pois hai suficientes espazos dedicados a outros máis maioritarios: fútbol, baloncesto…
- Habilitar un sistema de citas ou horas tal e como sucede no pavillón deportivo e que evite aglomeracións (Pista 2).
- Realizar tarefas de mantemento máis a miúdo. Está moi ben facer unhas boas instalacións pero o coidado delas é fundamental.
- Se facemos unha pista de tenis, ter en conta as características dese deporte e a necesidade de contar cun terreo de xogo o suficientemente amplo para poder exercitalo debidamente.
- Señalizar a localización de ditas pistas.
Por certo, o concello do que falo é Outes.
A foto da imaxe pertence ao usuario de Flickr Leonrw e leva por título: Tennis Ball