
Despois de ler Robots e imperio (versión en castelá editada por Debolsillo, 2010) de Asimov podo dicir que me parece un libro fantástico. Del quédome con moitas cousas, que de seguro comentarei polo miúdo nun futuro post no que tamén terei que dar conta —obviamente— da Saga da Fundación, pois este libro forma parte dela. Pero hoxe tan só quero poñer aquí un fragmento que me parece excepcional e que é a mecha que provoca a creación da Ley cero da robótica polo robot Daneel Olivaw. Estas son as derradeiras palabras que o humano Elijah Baley (preto da súa morte) lle dixo ao robot Daneel:
El trabajo de un individuo contribuye al de todos y así se vuelve una parte inmortal de la totalidad. La totalidad de las vidas humanas pasadas, presentes y futuras… forma un tapiz que existe desde hace decenas de millares de años y cada vez se hace más complicado y, en general, más hermoso cada día. Incluso los espaciales forman parte del tapiz, y ellos también añaden complicación y belleza al dibujo. Una vida individual es como unha hebra en el tapiz, ¿y qué es una hebra comparada a toda la pieza? Daneel, mantén fijamente tu mente en el tapiz y no permitas que una sola hebra suelta te afecte.
Acaso non é certo?
A foto da imaxe pertence ao usuario de Flickr FlySi e leva por título: Robot Joe
Sorprendeume gratamente este filme de ciencia- ficción con aires de serie B. Vino un domingo pola noite e, a verdade, tiña dúbidas sobre se sería capaz de chegar ao final do mesmo pois as críticas que lin en medios especializados non animaban moito. E de que vai Pandorum? Pois da supervivencia da raza humana. Nun futuro bastante distante, creo recordar que polo ano dous mil cincocentos, unha nave espacial -con miles de persoas a bordo- é enviada cara a un planeta -Tanis- que parece o único compatíbel coa bioloxía humana. Como a viaxe é moi longa, a xente que vai na nave é posta en estado de hibernación (simultaneamente reciben unha serie de fluídos por vía intravenosa que lles facilitarán a súa adaptación biolóxica ao planeta extraterrestre), agás a tripulación de mando imprescindíbel, na que están os dous protagonistas principais: Payton (Dennis Quaid) e Bower (Ben Foster).

Neste escenario apocalíptico é onde comeza realmente a historia de Pandorum: o soldado Bower desperta repentinamente do estado de hibernación pouco minutos despois de que o faga o Tenente Payton; ao parecer produciuse algún tipo de disfunción na nave de orixe descoñecida que provocou non só ese despertar non programado mais tamén que case toda a tripulación estea morta ou desaparecida misteriosamente. Ambos os dous loitarán por resolver ese misterio, sobre todo Bowen que é o que leva todo o peso do filme; este personaxe irase atopando con algúns compañeiros -ao longo do seu periplo pola nave- que o axudarán a resolver o misterio.
Pandorum mestura ciencia- ficción con misterio e terror e, en moitas cousas, parécese a Event Horizon pero o resultado é moito mellor có realizado polo nefasto Paul W.S. Anderson. Talvez as críticas negativas que recibiu veñen dadas polo final que ten: abrupto e incoherente co desenvolvemento da historia por querer sorprender ao espectador cunha revelación chafalleira. Aínda así, paga a pena vela.

Moon é un filme dirixido por Duncan Jones; como dato curioso dicir que o director é fillo de David Bowie.
Comeza co noso protagonista -Sam- nunha estación lunar onde se extraen minerais que son enviados á Terra para suplir os problemas enerxéticos que hai nela.
O inicio é sosegado, calmo; descríbesenos -por unha parte- a rutina diaria de Sam como único traballador encargado de supervisar os traballos de extracción e -por outra parte- a relación que mantén co robot encargado da mantenza da estación e do equipo de explotación mineral: GERTY.
Pronto se desvelan os temas centrais do filme: o principal -a clonación de seres humanos- e o secundario -a relación dos seres humanos coas máquinas intelixentes (sen dúbida aquí o director bebe do clásico de Kubrick 2001: A Space Odissey)-.
Como se pode aprezar, a temática de Moon pode dar moito de si pero o tratamento que recibe é excesivamente superficial e o director parece máis empeñado en ofrecernos unha obra de estética visual suxerente e incluso cun certo ton espiritual que unha historia ben desenvolta; inequivocamente, algunhas das imaxes son de gran beleza.
Como espectador un logo intúe cales van ser os derroteiros nos que se vai mover e tamén o final do mesmo. Adolece, ademais, de certo sentido do ritmo, sobre todo, a parte central da historia.
En definitiva, esperábame moito máis desta obra que obtivo recentemente o premio ao mellor filme no festival de Sitges. Persoalmente, o único interesante dela é o devandito apartado visual .
Imaxe: cartaz oficial de Avatar
Estréase en Decembro e ten moi boa pinta. Rodada completamente en 3D. Algúns afortunados poderán ver quince minutos dela mañá (venres). En Galiza será nos cines Yelmo de Vigo.
Avatar tráiler