Tom Ripley é codicioso, egoísta, un home que —do mesmo xeito ca os pequerrechos— só ve o mundo desde o seu punto de vista. É un heroe diferente. Un personaxe amoral que utiliza sen escrúpulos as persoas que o rodean para conseguir os seus obxectivos: gozar dunha vida chea de luxos, cómoda… unha vida de praceres.

Sobre a sicoloxía de Tom poderiamos escribir unha ducia de libros pois o retrato que Patricia Highsmith fai del é de gran complexidade. En cada conversa, en cada pensamento que lemos descubrimos un pouco máis deste farsante e decatámonos das súas inseguridades e complexos. Probabelmente Ripley ten un considerábel complexo de inferioridade que o transforma nunha persoa cunha gula sen límites. Reveladora é a frase final do libro cando o taxista lle pregunta en que hotel se quere hospedar, ao que Tom responde: Il meglio albergo. Il meglio, il meglio!
Desde o meu punto de vista, o máis destacado desta obra é a amoralidade do carácter creado pola Highsmith. Carácter que vemos emerxer noutro dos meus personaxes favoritos de ficción televisiva: Tony Soprano. Tanto o primeiro coma o segundo loitan por obter un maior poder sen importarlle as consecuencias que os seus actos poidan ter. Digamos que non teñen conciencia.
O mellor de todo isto non é só ese parecido de Tom con Tony senón outra circunstancia dese comportamento que atopamos máis apegado á nosa realidade de todos os días: a tan infame clase política cos seus escándalos de corrupción e loitas de poder onde vemos actitudes idénticas ás do personaxe de Patricia Highsmith, é dicir: a máis absoluta amoralidade.
De seguro que Tom no mundo de hoxe se movería como peixe na auga.
A foto da imaxe pertence ao usuario de Flickr mdoliveira e leva por título: the talented mr. ripley concept
La Injusticia no puede vencer al Principio,
el Principio no puede vencer a la Ley,
la Ley no puede vencer al Poder,
el Poder no puede vencer al Cielo.
Extraído de: El Arco iris de gravedad, Thoman Pynchon

Despois de ver o final de Lost (aborrecido por uns e alabado por outros) -e posto que é unha das miñas series de cabeceira- lembrei que en numerosos capítulos desta serie de ciencia- ficción se fai referencia a diversos libros nos que os guionistas se basearon para desenvolver a historia da misteriosa illa. Un deles, talvez o máis influínte, é a versión alongada e reelaborada de The Stand de Stephen King: editado en castelán co título: Apocalipsis. Se a isto engadimos o feito de que ata o de agora nunca lera nada do prolífico e famoso escritor norteamericano decidín que xa tiña unha boa razón para comezar a lectura desta novela de mil cincocentas páxinas, mais con certas reservas: pois -é unha percepción persoal- asocio a Stephen King cun tipo de literatura excesivamente mediática e de consumo rápido da que non gusto moito.
O caso é que hai uns días rematei a lectura e a conclusión é que levei unha sorpresa agradábel pois resultoume un bo entretemento para esta época soleada do ano.
Non sei no resto da súa obra pero, neste caso en particular, a narrativa de King pareceume sinxela (no bo sentido): estruturas sintácticas non complexas e vocabulario exento de palabras cultas, case que informal.
A historia desenvólvese nun contexto onde predominan as referencias á Biblia e á cultura popular norteamericana: grupos ou solistas musicais, autores e cine. Por exemplo, cinguíndome aos autores, vénme ágora á cabeza Lovecraft, Wells, Poe e Tolkien.
O fío argumental de The Stand é anecdótico: En 1990 un virus mortal -coñecido coma o Capitán Trotamundos- esténdese polos Estados Unidos e mata á práctica totalidade da poboación. Tan só quedan uns poucos superviventes que deben combater a un home chamado Randall Flagg (encarnación do propio Belcebú) que quere aniquilar ao resto de seres humanos que non concorden coas súas ideas: militarismo, exaltación do odio, cultura do medo, etc. É dicir, a típica loita entre o ben e o mal.
Pero, sobre todo, King céntrase nos personaxes: os seus matices sicolóxicos, por qué son dun xeito e non doutro, a redención dos mesmos; en poucas palabras: a propia comprensión do eu interior.
Polo tanto, e a pesar de que hai cousas deste libro que me disgustaron -entre elas un certo tufo patriótico- debo dicir que me sorprendeu e moi probabelmente volva ler algunha novela máis do escritor de Maine.