Literatura galega

Atuado na braña

by on 18/01/2012

Nestes días, coa morte de Fraga, acordeime dun notábel libro que tiven oportunidade de ler hai xa uns meses. Falo de “Atuado na braña”, de Xabier Quiroga (edición a cargo de Xerais).
Novela longa, entretida, cunha narrativa clara e áxil, “Atuado na braña” ten como protagonista a Luís Salgueiro, empresario de éxito durante os últimos estertores do goberno Fraga.
En certa forma, estamos ante unha novela da memoria, xa que Salgueiro busca as súas orixes en acontecementos directamente relacionados coa ditadura franquista. Pero non só disto escribe Xabier Quiroga. Tamén debuxa unha gorentosa radiografía das relacións de poder entre empresarios e políticos: o que coñecemos por redes clientelares ou caciquismo. Non sei o acertado ou non deste debuxo pero sospeito que é bastante verosímil.
Mais un dos eixos centrais polos que se rexe este fermoso libro é a dualidade aldea/cidade ou, se se prefire, galego/castelán. Dualidade pola cal se asocia o galego coa aldea e o castelán coa cidade: uns papacroios e outros espelidos.
Esa trasnoitada faladuría está moi ben reflectida no libro, sen maniqueísmos e demagoxia.
No final, o galego representa a vía da verdade, do eu propio, do camiño vital necesario para comprendérmonos e comprender o noso lugar no mundo.

{ 0 comentarios }

Circe, da Odisea de Homero

Un exercicio de lectura interesante pode ser ler, en primeiro lugar, a Odisea de Homero e, a continuación, Circe ou o pracer do  azul de Begoña Caamaño.
É ben coñecida a historia de Odiseo ou Ulises (así chamado desde os romanos) e o viaxe de retorno que emprende cara a Ítaca para reclamar o seu trono e liberar o palacio real dos pretendentes que vixían como voitres a Penélope (súa esposa) e lle insisten que debe escoller a un deles xa que dan a Ulises por morto.
Tamén se nos relatan outros sucesos dignos de seren comentados: a loita de Ulises contra os deuses (que conseguen retrasar unha chea de anos a volta ao seu fogar) ou os vieiros que segue Telémaco (fillo de Ulises e Penélope) para atopar a seu pai.
Principalmente e, sen meternos a analizar os múltiples significados da obra, isto é a Odisea.
Pero se nela os personaxes fortes e principais protagonistas son os heroes masculinos, esta circunstancia muda no excelente libro de Begoña Caamaño: aquí non é Ulises o protagonista principal senón Penélope. A escritora profunda constantemente na súa sique: qué implica para Penélope a separación do seu marido: a máis absoluta liberación. Non o ama, o seu foi un matrimonio arranxado, sen amor, salvaxe.
Outrosí hai outra parte da historia que muda de xeito significativo: o acontecido entre Circe e Ulises; é Circe quen o domina: ámao si, porén  ten sentimentos de culpabilidade porque é sabedora do lazo que o une con Penélope. Esta situación orixina o inicio da relación epistolar entre Penélope e Circe. A través dese intercambio epistolar imos coñecendo a sique desas dúas damas e, polo tanto, somos partícipes da  historia da Odisea desde un punto de vista feminista. Begoña Caamaño introduce ao lector nun xogo, o da  magnífica reinterpretación da obra orixinal. Por riba, a sintaxe, a narrativa e o vocabulario empregado pola escritora é de gran calidade.
Outro apunte máis: o personaxes que máis me chamou a atención de Circe ou o pracer do azul é Telémaco, presentado coma un adolescente, un rapaz egoísta, que quere ser adulto, comportarse como tal pero non sabe, non é capaz, carece da madurez necesaria, todo o contrario da obra orixinal de Homero.

A foto da imaxe pertence ao usuario de Flickr mira d’oubliette e leva por título: circe 1911

{ 0 comentarios }


Clarificadoras palabras de Pilar García Negro.

{ 0 comentarios }

A Galiza real

by on 23/06/2010

portada do libro

Contra o pensamento túzaro, a Galiza neoconservadora e o político posh Manuel O´Rivas pón á disposición do lector unha recopilación de artigos publicados no suplemento Luces da edición de Galicia de El País nos que demostra non só que outra Galiza é posíbel senón que, de feito, xa existe e é a nós quen corresponde facela visíbel.
O´Rivas ofrece unha serie de ferramentas aos lectores para que nos conciencemos desa outra galeguidade visíbel e internacional. Por exemplo, fálanos de personaxes históricos e actuais relacionados con Galicia e que nos poden servir de modelo para defendérmonos dese  pensamento túzaro: Ramón María Aller, Xoaquín Loriga, Elena Poniatowska, Albino González, Antón Mouzo, Martin Sheen, Méndez Ferrín…
E algo que para min sempre é de agradecer nun libro: o propio autor proponnos lecturas, ofrécenos numerosas referencias literarias…

{ 0 comentarios }

Unicrom

by on 13/05/2010

portada do libro

A historia de Unicrom desenvólvese nun universo paralelo, onde as xentes que o habitan -excepto unha das razas: os repugnantes- se moven por ideas e sentimentos nobres: a cooperación entre os pobos, o diálogo como medio para solucionar conflitos armados, a tolerancia e sobre todo: o amor. Un amor libre de egoísmos, de dobreces…
Ogallá nós,  que habitamos este planeta Terra, tivésemos (e triunfasen) uns comportamentos minimamente parecidos aos que describe -cunha imaxinación desbordante- este fermoso libro de Rosa Enríquez.

{ 0 comentarios }

A memoria do pasado

by on 27/04/2010

represiónQue os rastrollos do franquismo seguen vivos na nosa sociedade vese claramente estes días co galo do caso Garzón e a acusación presentada, entre outras organizacións, por Falange. Estes elementos son os que intenta visibilizar o protagonista do último libro de Xabier Quiroga titulado O cabo do Mundo.
Carlos Pereiro é un profesor afectado cun cancro terminal, que nos últimos estertores da vida decide investigar e recuperar a memoria do seu pasado e da súa familia. Unha memoria durmida que emerxe cando Pereiro descobre a verdade duns terríbeis sucesos acaecidos nos momentos iniciais do golpe militar de xullo do 1936.
A novela, na miña opinión, é unha das mellores escritas en galego que lin ultimamente. A variedade do léxico empregado é marabillosa. Léxico enxebre, que non soa artificioso pois non provén da creación de novas palabras senón dos profundos coñecementos que Xabier Quiroga semella ter da lingua galega.
Ademais, o fío dramático do libro engancha: hai intriga, hai unha historia de redención e de amor frustrado. Todos estes elementos están moi ben artellados e non desencaixan en ningún momento. É dicir, están correctamente cohesionados.
Por se isto fose pouco, ao longo da novela está presente un afán didáctico centrado ao redor da represión franquista durante a Ditadura: Xabier Quiroga proporciónanos datos bibliográficos e testemuñas que nos amosan como cada vez é máis difícil investigar nesa época escura da Nosa Historia e coñecer a última e verdadeira realidade do sucedido neses anos.
En definitiva, Un libro para ler unha e outra vez.

A imaxe que ilustra o post foi collida do usuario de Flickr: Gantz Project e titúlase Represión

{ 0 comentarios }

Poesía: preferidos (I)

by on 01/11/2009

foto extraída de Flickr; usuario: WxMon

foto extraída de Flickr; usuario: WxMon

Gústame a poesía pero recoñezo que non frecuento este xénero literario; sempre remato antepoñendo o xénero narrativo na miña lista de lecturas.
Pero como este post é unha escusa para colar na bitácora un dos meus poemas preferidos da literatura galega, aquí o tendes:

VI

Lúas de vrau e neve van cubrindo
os curutos espidos dos outeiros.
Fouciños de luares montañeiros,
arcanxos malvazul lle van xunguindo.

A laranxa do día estase abrindo
por marogos e pinos e loureiros,
e o níspero maturo e os prexigueiros
nas solainas da luz se están florindo.

¡Que colleita de estrelas e de rosas
segando van nas roitas cobizosas
dos malvises e os xílgaros e as flores!

O pombal montesío entre as ramaxes,
cabeleiras de lóstregos e encaixes,
se espallan polo cómaro en solpores.

Pertence a Pura Vázquez; para min ten un carácter tremendamente evocador e sensual.

{ 0 comentarios }

portada libro

foto extraída de Flickr; usuario: EugeniusD80

Este é o relato dun amor extraordinario de dous adolescentes, Simón e Anabel… Así reza a contraportada deste libro. A historia deses dous personaxes é a que dá pé ao devir de acontecementos que suceden neste relato de Manuel Lourenzo González pero, sobre todo, o libro fálanos do destino xa escrito ao que debemos facer fronte e que non podemos cambiar ou evitar. Esta é a “tese” que o escritor nos quere transmitir, o verdadeiro tema deste relato onde o amor ten unha importancia vital.
O inicio d’ O Xardín das pedras flotantes está moi ben logrado e conseguiu engancharme rapidamente: a presentación de personaxes, o modo en que conectan uns con outros, as relacións que estabelecen entre eles…
A segunda parte resultoume menos apaixoante; e non porque o que se conta careza de interese senón que se incide demasiado no amor entre Simón e Anabel, remárcase en exceso.
Na terceira e derradeira parte (desenlace) o relato finaliza concorde á “tese” do destino escrito. Acaba cun final circular que, honestamente, deixoume bastante indiferente, talvez, por convencional.

A parte de cuestións relacionadas coas calidades literarias da obra que nos ocupa cómpre facer fincapé sobre un particular: o excesivo número de erros tipográficos que presenta aínda sendo esta unha primeira edición.
Resumindo, unha interesante novela de cincocentas páxinas e con algúns altibaixos na parte central que se le dunha vez.

{ 2 comments }

Monbars o Exterminador

by on 12/08/2009

portada libro

Fotografía: Fran Herbello

Este libro de Hixinio Puentes sorprendeume. Escollino sen ter lida ningunha referencia sobre el con anterioridade. O libro en si é moi bo: de lectura áxil, cunha gran riqueza de vocabulario e unha historia interesante. Unha historia de aventuras, de piratas… As diversas personaxes que conforman o relato están ben desenvoltas: non hai xiros inesperados ou situacións fóra de contexto senón que o que lles acontece e sucede é ,en todo momento, coherente co que se nos conta. Talvez a única pega que se lle pode pór ao libro é que a historia da familia dun dos protagonista do relato (o Corvo) recibe un final apurado, feito ás présas. Polo demais, unha lectura moi recomendábel.

{ 0 comentarios }

Licencia Creative Commons
xoseso por Xosé Abelleira está baixo unha Licenza Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 3.0 España.