
Logo de ler este enorme libro -tanto en calidade coma en volume: 3493 páxinas- un ten a sensación de coñecer de primeira man a vida cotiá na Europa do século XVIII pero sobre todo, de deleitarse cun magnífico fresco das costumes e usos sociais da época.
Casanova describe minuciosamente a estrutura social imperante na República veneciana e, como non, os seus líos amorosos, as súas intrigas.
O libro está cheo de situacións delirantes e truculentas que nos amosan o verdadeiro carácter de Casanova: cínico, vividor e aproveitado.
Moitos son os episodios memorabeis deste libro. Dos que máis gustei foi os que falan da relación (francamente surrealista) entre o aventureiro italiano e Madame d´Urfé e, particularmente, do relato da súa fuxida dos Plomos, aos que foi condenado polo tribunal da Inquisición. Despois deste suceso Giacomo inicia as súas andanzas por Europa adiante e só cabe marabillarse coa descrición que nos proporciona da nobreza francesa, dos paises baixos, inglesa, rusa e española.
Este libertino (así se declara el mesmo) morreu en Dux, na actualidade Duchcov, no 1798, dez anos despois do inicio da Revolución francesa e do fin do Antigo Réxime.
Historia de mi vida, de Giacomo Casanova está editado en castelán por Atalanta nunha coidada edición de dous tomos. Contén un prólogo de Félix de Azúa e a tradución (feita do francés) é de Mauro Armiño.
{ 0 comentarios }

