Cine

Heist movie

by on 07/07/2011

Compostela

O sucedido co Códice Calixtino recórdame as películas de roubos, particularmente, dúas obras notábeis: Rififi (1955, Jules Dassin) e Le cercle rouge (1970, Jean-Pierre Melville). É mágoa que no cinema actual este xénero cinematográfico estea esquecido e, de feito, non lembro ningunha película recente digna de mención.
O caso, e supoñendo que o acontecido co Códice acabe sendo finalmente un roubo por parte de profesionais cualificados e non unha “metedura de pata” dalgunha persoa próxima ou dentro do círculo que ten acceso ao ditoso recinto e caixa forte onde estaba custodio o Calixtino, podemos estabelecer unha analoxía coas películas antes mencionadas, auténticas obras mestras do xénero das denominadas “Heist movies”, e imaxinarmos como puido suceder tan incríbel e vil fazaña (desde a nosa óptica, claro).
De seguirmos ao pé da letra os guións de Rififi e Le cercle rouge, a banda que organizou o roubo debe estar composta por un número de persoas non inferior a tres, todos homes, dos que un deles saíu hai pouco do cárcere. Todos contan con esposas, fillos ou amantes e teñen unha necesidade imperiosa de obter pola vía rápida —que non sinxela— unha gran suma de diñeiro. As relacións persoais dos atracadores cos seu círculo íntimo poden ser, pois non sempre é así, complexas. Este punto afecta, maiormente, ao individuo que estivo até hai pouco no cárcere.
Tal que así, este grupo de profesionais cunha dilatada experiencia no seu campo reúnense nun café e deciden cal vai ser o seu obxectivo —no caso que nós ocupa o Códice Calixtino—. Durante varias semanas, preparan concienzudamente o golpe: observan a xente que traballa no futuro lugar do atraco, os seus costumes horarios, o funcionamento dos sistemas de vixilancia e como eludilos… Cando teñen todo ben estudado e descifrado proceden á labor. E polo xeral, este tipo de golpes sóelles levar o seu tempo: non pensedes que é cousa de media hora ou uns minutos. Poden estar até cinco ou seis longas horas executando o roubo; póñase como paradigma o filme de Dassin.
O traballo sempre resulta de forma satisfactoria: conseguen o prezado tesouro. Pero a partir de aquí todo se complica, e moito. Ben porque un deles cometeu algunha pequena imprudencia durante a execución do minucioso plan, ben porque o proceso de vender a obra (nas películas case sempre son xoias) e cambiala por diñeiro en efectivo se torce ou porque a policia -personificada na figura dun obsesivo inspector- dá coas pistas adecuadas para collelos, a cuestión é que todos acaban mortos.
Iso si, neste acto final onde os malos son atrapados hai sangue, disparos e danos colaterais a esguella. Incluso, como sucede na obra de Melville, as vítimas poden rematar sendo a policia e non os atracadores. Feito que na vida real non creo que suceda moitas veces (ou si, quen sabe).
A conclusión é —seguindo o ronsel do cine— que estes sucesos nunca rematan ben. Agardemos, polo tanto, que o suposto roubo que nos afecta teña un desenlace menos truculento e, finalmente, o tesouro retorne intacto ao lugar que lle corresponde. E por favor, que as medidas de seguridade sexan convenientemente revisadas e melloradas.

A foto da imaxe pertence ao usuario de Flickr Luscofusco_Gz e leva por título: Compostela 06:43h. Porta da Pena

{ 0 comentarios }

Póster de Sucker Punch

Decepción é a palabra que me vén á cabeza para falarvos deste filme de Zack Snyder —director de Dawn of the Dead, 300 ou Watchmen—. Filme que agardaba fose unha viaxe visual inesquecíbel e moi, moi entretida; pero, pola contra: Sucker Punch é unha mala mestura de moitas cousas: influencias dos videoxogos, da banda deseñada xaponesa, dos videoclips…
Porén, o inicio é prometedor: Snyder resúmenos, en poucos minutos, a triste historia da protagonista principal Baby Doll (interpretada pola fermosa e inexpresiva Emily Browning): unha anxelical e inocente rapariga maltratada polo seu padrastro e que mediante unha serie de desgrazas acaba recluída nunha institución mental, onde comparte cautiverio con mozas da súa idade.
De aquí en diante somos partícipes da vida de Baby Doll e das súas colegas na institución mental pero —ese mundo— amosásenos desde o particular punto de vista da nosa protagonista e compañeiras: o manicomio aparece representado coma se fose un vodevil, e onde elas —na vez de reclusas mentais— son bailarinas sometidas ao látego dun cruel xefe e da súa man dereita (interpretado por Oscar Isaac; actor que aparecía en Agora de Alejandro Amenábar).
Polo tanto, a película desenvólvese en dous niveis dramáticos ou realidades: o manicomio e a visión particular do mesmo que teñen Baby Doll e as súas amigas. Mais aínda nos queda unha terceira realidade: a máis fantástica das tres, e que é inventada, na súa totalidade, por Baby Doll: Este terceiro nivel aparece cando ela ten que bailar para os encargados do vodevil. Nunca somos testemuñas deses bailes; no seu lugar presenciamos unhas incríbeis e videoclipeiras imaxes cheas de elementos CGI. Imaxes que testemuñan o portento visual do que Zack Snyder é capaz: debo recoñecer que a primeira escena deste tipo que contén a canción Army of Me de Björk é impresionante.
Pero, e aquí e onde atopo un dos grandes fallos desta obra, estas escenas hiperfantásticas están metidas de maneira forzosa, non enlazan co argumento central da película e carecen de tensión dramática. En verdade que cando as vía non me interesaba o máis mínimo o que sucedía nelas. Outro tanto ocorre coas aventuras no mundo vodevil que aparece na película: conforme avanza a metraxe a busca dos cinco elementos necesarios para poder escapar desa realidade alternativa e —por asimilación— do manicomio resulta absurdo, sen sentido.
Poderédesme dicir: por que buscar lóxica cando falamos de mundos imaxinarios cuxa orixe son os soños? Porque creo —firmemente— que un guión, unha historia debe ser capaz de transmitir unha certa coherencia, unha tensión dramática da que, desafortunamente, Sucker Punch carece.
Polo xeral, a película —cun custo aproximado de 82 millóns de dolares— está sendo un fracaso sonado a nivel mundial e as críticas que circulan pola Rede non a deixan moi ben parada, se ben hai excepcións.
Pola miña parte, e xa para rematar con esta parrafada, dicirvos que me levei unha desilusión tremenda con esta obra cinematográfica e que confirma as miñas sospeitas de que o sobrevalorado director de 300 debe repensar a súa carreira se non quere acumular tres fracasos seguidos: Watchmen, esta Sucker Punch e a vindeira de Superman que, en principio, vai ser o encargado de dirixir.

{ 2 comments }

Kuroneko

by on 16/03/2010

No 1968, Kaneto Shindo dirixía Kuroneko (Gato negro). Longametraxe chea de numerosas similitudes con Onibaba -a súa anterior obra; algunhas delas son: estamos -de novo- ante una historia de terror, hai un trío protagonista (dúas mulleres e un home) e talvez a máis destacada sexa o tratamento do tema sobrenatural, que se ben en Onibaba funciona coma adxacente á historia principal, en Kuroneko ten un protagonismo evidente.

cartel da película

O filme en si:

CONTEXTO

Xapón, época de guerras; os samurais están nos inicios do seu apoxeo.

SINOPSE ARGUMENTAL

Gintoki é un mozo que vive coa súa nai e a súa muller nunha humilde casa labrega situada preto dun campo de bambú.Un día é reclutado forzosamente por unha das faccións que interveñen na guerra e obrigado a loitar.
Pasan os anos; nai e muller agardan a volta de Gintoki pero un feito inesperado sucede: son atacadas, violadas e asasinadas por un grupo de samurais que entran na casa delas. Como consecuencia dese fatal feito, as dúas mulleres convértense en fantasmas que matan sen descanso a todos os samurais que poden -engatusándoos- pero nunha das súas saídas atópanse con Gintoki -convertido agora nun samurai respectado-. Os tres quedan sorprendidos do encontro.
A partires de aquí a historia céntrase nos efectos dese encontro posto que non foi unha simple casualidade xa que Gintoki ten como misión (encárgalla o xefe do seu clan) matar aos fantasmas asasinos de samurais. Obviamente, iso non lle vai resultar fácil posto que as recoñece e dáse conta de quen son realmente.
Neste punto é cando se chega ao clímax do filme onde converxen os intereses das dúas partes: por un lado Gintoki -que ten o deber de cumprir a súa misión- e por outro o da nai e muller de Gintoki -que teñen unha promesa feita aos espíritos malignos: a de matar a todos os samurais (Gintoki incluído)-.
O final do filme (que non vou contar) paréceme satisfactorio e coherente co resto da historia que Shindo nos conta pero en liñas xerais Kuroneko é unha obra lixeiramente inferior a Onibaba.

{ 0 comentarios }

Onibaba

by on 11/03/2010

Nunha época turbia da historia do Xapón (de guerras entre varios soghunatos) desenvólvese Onibaba, dirixida por Kaneto Shindo.

cartel da película
Tres son os protagonistas principais deste filme: Kichi: un mozo que vai na guerra; a muller e a nai de Kichi. As dúas últimas viven xuntas nun alboio emprazado e camuflado no medio duns campos de susuki, unha especie de herbas de gran tamaño. Para poder sobrevivir saquean e matan aos soldados que dan cos seus ósos neses campos ben por loitas ou por desercións.
A vida destas dúas mulleres é espartana pero cos alimentos que conseguen mediante os saqueos son capaces de valerse por si mesmas.
A súa tranquilidade vese rota coa chegada de Hachi, un soldado desertor que partira para a guerra con Kichi. Hachi cóntalle ás mulleres que este foi asasinado e que non puido facer nada para impedilo.
Perante a tristeza inicial que causa esta noticas nas dúas protagonistas volven co paso do tempo á súa vida cotiá e a muller de Hachi sabendo da imposibilidade de volver ver ao seu marido inicia unha relación con Hachi. Esta relación é vista con malos ollos pola nai de Kichi pois sábese vella e ten medo a quedar soa, e ademais dáse conta de que probablemente nunca máis vai poder voltar a gozar dos praceres do sexo. A tensión entre estes tres protagonistas permanece ao longo de toda a metraxe ata o seu clímax final no que a nai de Kichi tenta manipular á súa muller imbuíndolle ideas de carácter relixioso na súa cabeza e, polo tanto, dicíndolle que a relación que mantén con Hachi e pecaminosa e o que conseguirá é rematar no inferno.
A xogada sáelle mal á nai de Kichi volvéndose na súa contra.  Esta situación produce unha lea entre elas dúas e paralelamente Hachi é asasinado por un misterioso soldado que entra na casa del.
Filme que permite varias lecturas e con numerosos elementos de terror , tensión sexual, ambiente claustrofóbico e unha certa crenza en forzas malignas, Onibaba é, para min, unha das mellores películas que vin recentemente.

{ 1 comment }

O can branco

by on 05/01/2010

cartel da película

fotograma do filme

A lacra que é o racismo aparece contundentemente retratada neste filme de Samuel Fuller (coescrito por el máis Curtis Hanson -o director de L.A. Confidential-) cuxo título orixinal é: White Dog.
O protagonista do relato é un can branco adestrado para atacar só a persoas de cor negra.
Julie Sawyer (tamén protagonista da historia) é unha muller da clase media estadounidense, actriz; ela faise cargo do can cando un día o atopa perdido preto da casa dela. Ao principio Julie ignora o truculento adestramento do can e séntese segura con el, sobre todo, despois de que este o defenda dun intento de violación na propia casa da protagonista.
Todo cambia cando un día o can desaparece da casa de Julie e -pola noite- ataca a un home de cor negra. Grazas á insistencia do seu mozo (e a pesar das reticencias dela) lévao a uns adestradores profesionais para ver se unha reeducación é posíbel. De primeiras, un dos profesionais dille que o mellor é matalo, que non ten remedio; pero un dos traballadores -Keys- nomeadamente de cor negra, acepta o desafío, que a priori se presenta imposíbel. Xa non é a primeira vez que Keys intenta reeducar a un can deste tipo mais alberga esperanzas. A partir de aquí o filme céntrase no readestramento do can; de se ese cambio é factíbel. Continuamente vemos como Keys non obtén resultados pero é constante e non se rende. Chegamos así ao final da historia, co intento de asasinato do xefe do clube de adestradores por parte do can e, consecuentemente, coa derrota de Keys, que é o fracaso colectivo de toda a sociedade por intentar eliminar dunha forma razoada o racismo da nosa sociedade.
Evidentemente, todo o filme é unha gran metáfora: o can branco representa -para min- o odio, a incomprensión que existe na sociedade humana cara ao diferente. E ese odio que profesamos pódese volver na nosa contra, tal e como aparece reflectido no final do filme, pois o xefe do clube de adestradores -que o can fire- é de cor branca.

{ 0 comentarios }

AntiCristo

by on 06/12/2009

AntiCristo (Antichrist) -do danés Lars Von Trier- é un filme provocador e, en certos momentos, difícil de ver. Está protagonizado por Willen Dafoe -que interpreta o personaxe de El- e Charlotte Gainsbourg -que interpreta a personaxe de Ela-. Ambos os dous  caracteres teñen nomes xenéricos pois representan o xénero masculino e o xénero feminino.
A maior parte da película desenvólvese nun espazo xeográfico (e mental) coñecido como Edén. Así pois,  El é unha especie de Adán moderno e Ela a correspondente Eva.

cartel da película
Antichrist -que Von Trier divide en catro capítulos máis un epílogo- comeza co suceso fatal  que dá orixe aos acontecementos que van devir nesta longametraxe: a morte do neno da parella mentres esta goza cos praceres da carne.
Despois deste tráxico suceso deciden emprender a viaxe que os leva até  Edén: un bosque apartado, en terra de ningures, no que hai unha vella casa de madeira. É neste espazo onde Ela comeza o seu proceso para tratar de superar o tráxico acontecer inicial; e digo Ela porque o personaxe de Dafoe parece que non sofre un trauma profundo, talvez debido á súa formación académica: sicólogo.
A partir de aquí o filme dá un xiro radical e vai por outros derroteiros. A vida en Edén convértese nun auténtico pesadelo. Ela cada dia está máis deprimida e só atopa instantes de felicidade  cando fornica co seu marido. Isto induce nela sentimentos encontrados que acaban saíndo á luz cando nun lance dá un golpe tremendo cun obxecto ao pene del e deseguido insire na sua perna esquerda unha pedra de afiar (incríbel a truculencia desta secuencia) para que non escape e poder ,probabelmente, torturalo a pracer até a morte. Pero, contra todo pronostico, El consegue escapar e iníciase unha secuencia de eventos que rematan cos dous personaxes na casa de Edén; neste intre ocorren dúas accións simultaneas: unha revelación interior da nosa protagonista e o intento  de asasinato (por parte dela) ao marido mentres que este loita por desfacerse da pedra de afiar que ten atada á sua perna. Cando o consegue El estrangúlaa e dá comezo o epílogo do filme, do que aquí non direi nada pero que, para min, pón de manifesto o carácter misóxino da obra de Von Trier.

{ 2 comments }

Pandorum

by on 25/11/2009

Sorprendeume gratamente este filme de ciencia- ficción con aires de serie B. Vino un domingo pola noite e, a verdade, tiña dúbidas sobre se sería capaz de chegar ao final do mesmo pois as críticas que lin en medios especializados non animaban moito. E de que vai Pandorum? Pois da supervivencia da raza humana. Nun futuro bastante distante, creo recordar que polo ano dous mil cincocentos, unha nave espacial -con miles de persoas a bordo- é enviada cara a un planeta -Tanis- que parece o único compatíbel coa bioloxía humana. Como a viaxe é moi longa, a xente que vai na nave é posta en estado de hibernación (simultaneamente reciben unha serie de fluídos por vía intravenosa que lles facilitarán a súa adaptación biolóxica ao planeta extraterrestre), agás a tripulación de mando imprescindíbel, na que están os dous protagonistas principais: Payton (Dennis Quaid) e Bower (Ben Foster).

cartel da película

Neste escenario apocalíptico é onde comeza realmente a historia de Pandorum: o soldado Bower desperta repentinamente do estado de hibernación pouco minutos despois de que o faga o Tenente Payton; ao parecer produciuse algún tipo de disfunción na nave de orixe descoñecida que provocou non só ese despertar non programado mais tamén que case toda a tripulación estea morta ou desaparecida misteriosamente. Ambos os dous loitarán por resolver ese misterio, sobre todo Bowen que é o que leva todo o peso do filme; este personaxe irase atopando con algúns compañeiros -ao longo do seu periplo pola nave- que o axudarán a resolver o misterio.

Pandorum mestura ciencia- ficción con misterio e terror e, en moitas cousas, parécese a Event Horizon pero o resultado é moito mellor có realizado polo nefasto Paul W.S. Anderson. Talvez as críticas negativas que recibiu veñen dadas polo final que ten: abrupto e incoherente co desenvolvemento da historia por querer sorprender ao espectador cunha revelación chafalleira. Aínda así, paga a pena vela.

{ 0 comentarios }

Moon

by on 10/11/2009

cartel da película

Moon é un filme dirixido por Duncan Jones; como dato curioso dicir que o director é fillo de David Bowie.
Comeza co noso protagonista -Sam- nunha estación lunar onde se extraen minerais que son enviados á Terra para suplir os problemas enerxéticos que hai nela.
O inicio é sosegado, calmo; descríbesenos -por unha parte- a rutina diaria de Sam como único traballador encargado de supervisar os traballos de extracción e -por outra parte- a relación que mantén co robot encargado da mantenza da estación e do equipo de explotación mineral: GERTY.
Pronto se desvelan os temas centrais do filme: o principal -a clonación de seres humanos- e o secundario -a relación dos seres humanos coas máquinas intelixentes (sen dúbida aquí o director bebe do clásico de Kubrick 2001: A Space Odissey)-.
Como se pode aprezar, a temática de Moon pode dar moito de si pero o tratamento que recibe é excesivamente superficial e o director parece máis empeñado en ofrecernos unha obra de estética visual suxerente e incluso cun certo ton espiritual que unha historia ben desenvolta; inequivocamente, algunhas das imaxes son de gran beleza.
Como espectador un logo intúe cales van ser os derroteiros nos que se vai mover e tamén o final do mesmo. Adolece, ademais, de certo sentido do ritmo, sobre todo, a parte central da historia.
En definitiva, esperábame moito máis desta obra que obtivo recentemente o premio ao mellor filme no festival de Sitges. Persoalmente, o único interesante dela é o devandito apartado visual .

{ 0 comentarios }

A guerra é unha droga

by on 27/09/2009

cartel da película

foto extraída de Flickr; usuario: aliveinbaghdad

En The Hurt Locker un grupo de soldados -dous escoltas e un artificiero- que combaten no Iraq encárganse de desactivar as bombas que a insurxencia coloca estratexicamente nas rúas da cidade. Este feito provoca nos soldados e, en nós como espectadores, unha situación de tensión e incertidume continua e que se mantén ao longo de toda a metraxe. A paranoia e sicose chegan a tal punto que todos os iraquíes que atopan nas súas patrullas diarias son inimigos en potencia: nenos, mulleres, anciáns… O traballo que levan a cabo é moi perigoso; de feito, no comezo do filme morre un artificiero (interpretado por Guy Pearce) que é substituído polo que ocupa o papel de protagonista, interpretado por Jeremy Renner. Este último parece que non teme a morte e excédese no cumprimento do deber o que provoca que reciba broncas por parte dos compañeiros de grupo que non entenden a súa actitude.
Cando o sarxento William James (Renner) remata a rotación volve para o fogar nos E.E.U.U. onde o agardan muller e fillo. Neste espazo vital séntese incómodo, alienado… E decide volver facer outra rotación no Iraq porque para el a guerra é unha droga (expresión que aparece no inicio do filme) ou o que para min é o mesmo: a violencia só enxendra máis violencia.

{ 2 comments }

Simón del desierto

by on 14/09/2009

cartel da obra

Cartaz publicitario do filme

Hoxe vin este mediometraxe dirixido e co-escrito por Luis Buñuel onde se nos conta a historia de Simón, un penitente que leva de pé nunha columna -en pleno deserto- durante algo máis de seis anos. Pasado este tempo, o noso protagonista muda para outra columna de maior altura que lle é ofrecida por un devoto seu. É nela onde sufrirá as tentacións do mesmo Demo, encarnado na pel dunha muller (a fermosa actriz mexicana Silvia Pinal). Simón é capaz de resistir as dúas primeiras tentacións mais na terceira e última que se lle presenta remata nun clube nocturno de Nova Iorque sentado nunha mesa ao carón do mesmo Demo, namentres ao seu redor hai un numeroso grupo de xente bailando e cantado. Durante esta escena Simón fuma e bebe alcol e rexeita a invitación de Silvia Pinal de bailar cos demais. É neste intre cando o Demo (Silvia) danzando responde a unha pregunta do noso protagonista con estas palabras: Non, non podes ir para a casa pois xa está ocupada, aguantarás aquí até o final.

{ 0 comentarios }

Licencia Creative Commons
xoseso por Xosé Abelleira está baixo unha Licenza Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 3.0 España.