Que os rastrollos do franquismo seguen vivos na nosa sociedade vese claramente estes días co galo do caso Garzón e a acusación presentada, entre outras organizacións, por Falange. Estes elementos son os que intenta visibilizar o protagonista do último libro de Xabier Quiroga titulado O cabo do Mundo.
Carlos Pereiro é un profesor afectado cun cancro terminal, que nos últimos estertores da vida decide investigar e recuperar a memoria do seu pasado e da súa familia. Unha memoria durmida que emerxe cando Pereiro descobre a verdade duns terríbeis sucesos acaecidos nos momentos iniciais do golpe militar de xullo do 1936.
A novela, na miña opinión, é unha das mellores escritas en galego que lin ultimamente. A variedade do léxico empregado é marabillosa. Léxico enxebre, que non soa artificioso pois non provén da creación de novas palabras senón dos profundos coñecementos que Xabier Quiroga semella ter da lingua galega.
Ademais, o fío dramático do libro engancha: hai intriga, hai unha historia de redención e de amor frustrado. Todos estes elementos están moi ben artellados e non desencaixan en ningún momento. É dicir, están correctamente cohesionados.
Por se isto fose pouco, ao longo da novela está presente un afán didáctico centrado ao redor da represión franquista durante a Ditadura: Xabier Quiroga proporciónanos datos bibliográficos e testemuñas que nos amosan como cada vez é máis difícil investigar nesa época escura da Nosa Historia e coñecer a última e verdadeira realidade do sucedido neses anos.
En definitiva, Un libro para ler unha e outra vez.
[A imaxe que ilustra o post foi collida do usuario de Flickr: Gantz Project e titúlase Represión]
Entradas relacionadas:
Tags: Edicións_Xerais, narrativa, Xabier_Quiroga
