
No concello onde vivo hai dispoñíbeis numerosas instalacións deportivas, entre as que destacan os campos de fútbol e un polideportivo. Ademais tamén contamos con outro tipo de canchas ou pistas para practicar deportes tales coma o fútbol, tenis ou baloncesto. Instalacións que están repartidas ao longo de todo o concello.
Se ben debo admitir que non son un gran consumidor deste tipo de espazos deportivos (antes si o era) e, polo tanto, non podo facer unha valoración adecuada do estado no que se atopan a maioría deles, non deixa de ser menos certo que este verán si usei con certa asiduidade as pistas de tenis que o concello -como xa dixen- ten ao dispor dos veciños e veciñas: de forma gratuíta e sen necesidade de ter que pedir hora.
En total, e que eu saiba, dispoñemos -para o noso goce- de catro espazos preparados para tal actividade deportiva (o tenis). O estado de cada unha delas é o que segue:
Pista 1:
- Aspectos positivos: En apariencia, a súa construción é recente, polo tanto, o campo de xogo e as liñas que o compoñen están recén pintadas; é unha pista para xogar exclusivamente ao tenis, non hai portarías e canastras de baloncesto que entorpezan a nosa actividade; hai unha alambrada que cerca toda a pista e que diminúe a posibilidade de perdermos bólas ou telas que ir buscar ao quinto pino (cousa moi habitual xogando ao tenis).
- Aspectos negativos: O material da pista (unha especie de cemento) xunto coa pintura que lle aplicaron produce unha superfice coma granulada e, se a isto engadimos un certo desnivel do que consta o terreo de xogo fai que a bóla efectúe numerosos estraños durante o lance do xogo; o terreo debería ser máis grande pois cando lanzas bólas ao fondo da pista non tes o suficiente espazo para devolvelas; se ben hai alambrada ao redor de toda a pista, esta é irregular con numerosos puntos por onde se poden colar as bólas.
Conclusións: Unha pista con posibilidades pero bastante deficitaria á hora de querer xogar un partido de tenis con certa continuidade debido, sobre todo, ao estado da pista e ao espazo reducido da mesma en certos puntos.
Pista 2:
- Aspectos positivos: Tamén de construción recente; a alambrada cerca toda a pista; o terreo de xogo semella non ter un gran desnivel e o material do mesmo (unha especie de parqué) é óptimo para longos peloteos ou para un xogo continuado no que non se produzan efectos estraños da bóla.
- Aspectos negativos: A pista é multiusos pois contén portarías e canastras de baloncesto o que provoca que poidas ter alguén xogando ao basquet mentres ti estás dándolle á raqueta (algo verdadeiramente moi molesto); como consecuencia do anterior, a pista contén numerosas liñas ou marcas que se superpoñen para delimitar o terreo de xogo de cada deporte e isto, para o caso do tenis, é unha dificultade innecesaria pois ás veces non sabes se unha bóla vai fóra ou non durante o xogo; a alambrada contén numerosas irregularidades; ao ser, e xa o adianto, unha pista decentemente acondicionada para a práctica do tenis a xente que acode a ela é numerosa e sucédense os casos nos que mentres ti estás xogando hai unha boa morea de xente agardando e preguntándoche cando vas rematar. Se ven que tardas comezan a vociferar e a facer ruídos molestos para ver se rematan coa túa paciencia e te vas.
Conclusións: Unha pista ideal para a práctica do tenis, tanto polo material do que está feita como pola súa amplitude pero con importantes defiencias que reducen, en moito, as súas posibilidades.
Pista 3:
- Aspectos positivos: Talvez máis vella que as vistas até agora pero en boas condicións: o terreo de xogo é amplo, a alambrada é bastante regular e a pista non parece ter moito desnivel nin granulación, aínda sendo dun material semellante ao da Pista 1.
- Aspectos negativos: Non é de dedicación exclusiva pois hai portarías nela pero, neste caso, é un mal menor pois ao ser un terreo de xogo bastante amplo e ao estar só pintadas as liñas de xogo do tenis non dificulta a nosa actividade; a rede non está nunhas condicións ideais; se non es da zona non é fácil dar con ela.
Conclusións: Aínda que o terreo de xogo da Pista 2 é o ideal o desta Pista 3 é bastante aceptábel e permite unha boa continuidade no xogo. A pista é ampla e a alambrada está nunhas condicións aceptábeis.
Pista 4:
- Aspectos positivos: Ningún.
- Aspectos negativos: Probabelmente esta é a pista máis vella de todas as que levamos visto ou a que peor aguanta o paso do tempo; o terreo de xogo é pequeno e, aínda por riba, contén dúas portarías que o fan ridículo. A pista está nun estado deplorábel, as liñas mal pintadas e o dato máis curioso é que non dispoñemos de rede para xogar ao tenis e, polo que me dixeron outros afecionados, xa leva tempo así; se non es da zona non é nada fácil dar con ela.
Conclusións: Este espazo deportivo precisa dunha rehabilitación urxente.
Ante esta situación que debería facer o concello:
- Habilitar pistas de tenis só para xogar a este deporte pois hai suficientes espazos dedicados a outros máis maioritarios: fútbol, baloncesto…
- Habilitar un sistema de citas ou horas tal e como sucede no pavillón deportivo e que evite aglomeracións (Pista 2).
- Realizar tarefas de mantemento máis a miúdo. Está moi ben facer unhas boas instalacións pero o coidado delas é fundamental.
- Se facemos unha pista de tenis, ter en conta as características dese deporte e a necesidade de contar cun terreo de xogo o suficientemente amplo para poder exercitalo debidamente.
- Señalizar a localización de ditas pistas.
Por certo, o concello do que falo é Outes.
A foto da imaxe pertence ao usuario de Flickr Leonrw e leva por título: Tennis Ball
Non existen entradas relacionadas.
