fotograma do filme
A lacra que é o racismo aparece contundentemente retratada neste filme de Samuel Fuller (coescrito por el máis Curtis Hanson -o director de L.A. Confidential-) cuxo título orixinal é: White Dog.
O protagonista do relato é un can branco adestrado para atacar só a persoas de cor negra.
Julie Sawyer (tamén protagonista da historia) é unha muller da clase media estadounidense, actriz; ela faise cargo do can cando un día o atopa perdido preto da casa dela. Ao principio Julie ignora o truculento adestramento do can e séntese segura con el, sobre todo, despois de que este o defenda dun intento de violación na propia casa da protagonista.
Todo cambia cando un día o can desaparece da casa de Julie e -pola noite- ataca a un home de cor negra. Grazas á insistencia do seu mozo (e a pesar das reticencias dela) lévao a uns adestradores profesionais para ver se unha reeducación é posíbel. De primeiras, un dos profesionais dille que o mellor é matalo, que non ten remedio; pero un dos traballadores -Keys- nomeadamente de cor negra, acepta o desafío, que a priori se presenta imposíbel. Xa non é a primeira vez que Keys intenta reeducar a un can deste tipo mais alberga esperanzas. A partir de aquí o filme céntrase no readestramento do can; de se ese cambio é factíbel. Continuamente vemos como Keys non obtén resultados pero é constante e non se rende. Chegamos así ao final da historia, co intento de asasinato do xefe do clube de adestradores por parte do can e, consecuentemente, coa derrota de Keys, que é o fracaso colectivo de toda a sociedade por intentar eliminar dunha forma razoada o racismo da nosa sociedade.
Evidentemente, todo o filme é unha gran metáfora: o can branco representa -para min- o odio, a incomprensión que existe na sociedade humana cara ao diferente. E ese odio que profesamos pódese volver na nosa contra, tal e como aparece reflectido no final do filme, pois o xefe do clube de adestradores -que o can fire- é de cor branca.
Non existen entradas relacionadas.
