Pandorum

by on 25/11/2009

Sorprendeume gratamente este filme de ciencia- ficción con aires de serie B. Vino un domingo pola noite e, a verdade, tiña dúbidas sobre se sería capaz de chegar ao final do mesmo pois as críticas que lin en medios especializados non animaban moito. E de que vai Pandorum? Pois da supervivencia da raza humana. Nun futuro bastante distante, creo recordar que polo ano dous mil cincocentos, unha nave espacial -con miles de persoas a bordo- é enviada cara a un planeta -Tanis- que parece o único compatíbel coa bioloxía humana. Como a viaxe é moi longa, a xente que vai na nave é posta en estado de hibernación (simultaneamente reciben unha serie de fluídos por vía intravenosa que lles facilitarán a súa adaptación biolóxica ao planeta extraterrestre), agás a tripulación de mando imprescindíbel, na que están os dous protagonistas principais: Payton (Dennis Quaid) e Bower (Ben Foster).

cartel da película

Neste escenario apocalíptico é onde comeza realmente a historia de Pandorum: o soldado Bower desperta repentinamente do estado de hibernación pouco minutos despois de que o faga o Tenente Payton; ao parecer produciuse algún tipo de disfunción na nave de orixe descoñecida que provocou non só ese despertar non programado mais tamén que case toda a tripulación estea morta ou desaparecida misteriosamente. Ambos os dous loitarán por resolver ese misterio, sobre todo Bowen que é o que leva todo o peso do filme; este personaxe irase atopando con algúns compañeiros -ao longo do seu periplo pola nave- que o axudarán a resolver o misterio.

Pandorum mestura ciencia- ficción con misterio e terror e, en moitas cousas, parécese a Event Horizon pero o resultado é moito mellor có realizado polo nefasto Paul W.S. Anderson. Talvez as críticas negativas que recibiu veñen dadas polo final que ten: abrupto e incoherente co desenvolvemento da historia por querer sorprender ao espectador cunha revelación chafalleira. Aínda así, paga a pena vela.

Non existen entradas relacionadas.

Deixa o teu comentario

Entrada anterior:

Entrada posterior:

Licencia Creative Commons
xoseso por Xosé Abelleira está baixo unha Licenza Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 3.0 España.