En The Hurt Locker un grupo de soldados -dous escoltas e un artificiero- que combaten no Iraq encárganse de desactivar as bombas que a insurxencia coloca estratexicamente nas rúas da cidade. Este feito provoca nos soldados e, en nós como espectadores, unha situación de tensión e incertidume continua e que se mantén ao longo de toda a metraxe. A paranoia e sicose chegan a tal punto que todos os iraquíes que atopan nas súas patrullas diarias son inimigos en potencia: nenos, mulleres, anciáns… O traballo que levan a cabo é moi perigoso; de feito, no comezo do filme morre un artificiero (interpretado por Guy Pearce) que é substituído polo que ocupa o papel de protagonista, interpretado por Jeremy Renner. Este último parece que non teme a morte e excédese no cumprimento do deber o que provoca que reciba broncas por parte dos compañeiros de grupo que non entenden a súa actitude.
Cando o sarxento William James (Renner) remata a rotación volve para o fogar nos E.E.U.U. onde o agardan muller e fillo. Neste espazo vital séntese incómodo, alienado… E decide volver facer outra rotación no Iraq porque para el a guerra é unha droga (expresión que aparece no inicio do filme) ou o que para min é o mesmo: a violencia só enxendra máis violencia.
Non existen entradas relacionadas.


{ 2 comments… read them below or add one }
Olà Xoseso!
Paréceme moi interesante o que pós ó final da entrada: a guerra é unha droga [...] ou o que para min é o mesmo: a violencia só enxendra máis violencia.
Son dúas formas de ver o mesmo feito na que non pensara. De tódolos xeitos, agardo que a guerra non sexa unha droga para tódolos soldados… porque a droga crea adicción… :S
Saudos!
Como vai miguelanxo? Pois si, despois de ver este filme de Kathryn Bigelow que aínda non se estreou en España saquei como conclusión que o que se nos transmite nel, basicamente, é iso que apunto ao final do post e do que tanto se fala: a violencia só enxendra máis violencia. E desde logo, que é a guerra senón violencia e unha potente droga para o home que non pode vivir sen ela? Para mostra só fai falta ler calquera xornal ou medio informativo e darse conta dos innumerábeis conflitos bélicos que nos rodean.
Iso si, eu tamén agardo que a guerra non sexa unha droga para todos os soldados, pois aviados imos de suceder iso.
Saúdos e graciñas -coma sempre- por comentares.