No concello onde vivo hai dispoñíbeis numerosas instalacións deportivas, entre as que destacan os campos de fútbol e un polideportivo. Ademais tamén contamos con outro tipo de canchas ou pistas para practicar deportes tales coma o fútbol, tenis ou baloncesto. Instalacións que están repartidas ao longo de todo o concello.
Se ben debo admitir que non son un gran consumidor deste tipo de espazos deportivos (antes si o era) e, polo tanto, non podo facer unha valoración adecuada do estado no que se atopan a maioría deles, non deixa de ser menos certo que este verán si usei con certa asiduidade as pistas de tenis que o concello -como xa dixen- ten ao dispor dos veciños e veciñas: de forma gratuíta e sen necesidade de ter que pedir hora.
En total, e que eu saiba, dispoñemos -para o noso goce- de catro espazos preparados para tal actividade deportiva (o tenis). O estado de cada unha delas é o que segue:

Pista 1:

  • Aspectos positivos: En apariencia, a súa construción é recente, polo tanto, o campo de xogo e as liñas que o compoñen están recén pintadas; é unha pista para xogar exclusivamente ao tenis, non hai portarías e canastras de baloncesto que entorpezan a nosa actividade; hai unha alambrada que cerca toda a pista e que diminúe a posibilidade de perdermos bólas ou telas que ir buscar ao quinto pino (cousa moi habitual xogando ao tenis).
  • Aspectos negativos: O material da pista (unha especie de cemento) xunto coa pintura que lle aplicaron produce unha superfice coma granulada e, se a isto engadimos un certo desnivel do que consta o terreo de xogo fai que a bóla efectúe numerosos estraños durante o lance do xogo; o terreo debería ser máis grande pois cando lanzas bólas ao fondo da pista non tes o suficiente espazo para devolvelas; se ben hai alambrada ao redor de toda a pista, esta é irregular con numerosos puntos por onde se poden colar as bólas.

Conclusións: Unha pista con posibilidades pero bastante deficitaria á hora de querer xogar un partido de tenis con certa continuidade debido, sobre todo, ao estado da pista e ao espazo reducido da mesma en certos puntos.

Pista 2:

  • Aspectos positivos: Tamén de construción recente; a alambrada cerca toda a pista; o terreo de xogo semella non ter un gran desnivel e o material do mesmo (unha especie de parqué) é óptimo para longos peloteos ou para un xogo continuado no que non se produzan efectos estraños da bóla.
  • Aspectos negativos: A pista é multiusos pois contén portarías e canastras de baloncesto o que provoca que poidas ter alguén xogando  ao basquet mentres ti estás dándolle á raqueta (algo verdadeiramente moi molesto); como consecuencia do anterior, a pista contén numerosas liñas ou marcas que se superpoñen para delimitar o terreo de xogo de cada deporte e isto, para o caso do tenis, é unha dificultade innecesaria pois ás veces non sabes se unha bóla vai fóra ou non durante o xogo; a alambrada contén numerosas irregularidades; ao ser, e xa o adianto, unha pista decentemente acondicionada para a práctica do tenis a xente que acode a ela é numerosa e sucédense os casos nos que mentres ti estás xogando hai unha boa morea de xente agardando e preguntándoche cando vas rematar. Se ven que tardas comezan a vociferar e a facer ruídos molestos para ver se rematan coa túa paciencia e te vas.

Conclusións: Unha pista ideal para a práctica do tenis, tanto polo material do que está feita como pola súa amplitude pero con importantes defiencias que reducen, en moito, as súas posibilidades.

Pista 3:

  • Aspectos positivos: Talvez máis vella que as vistas até agora pero en boas condicións: o terreo de xogo é amplo, a alambrada é bastante regular e a pista non parece ter moito desnivel nin granulación, aínda sendo dun material semellante ao da Pista 1.
  • Aspectos negativos: Non é de dedicación exclusiva pois hai portarías nela pero, neste caso, é un mal menor pois ao ser un terreo de xogo bastante amplo e ao estar só pintadas as liñas de xogo do tenis non dificulta a nosa actividade; a rede non está nunhas condicións ideais; se non es da zona non é fácil dar con ela.

Conclusións: Aínda que o terreo de xogo da Pista 2 é o ideal o desta Pista 3 é bastante aceptábel e permite unha boa continuidade no xogo. A pista é ampla e a alambrada está nunhas condicións aceptábeis.

Pista 4:

  • Aspectos positivos: Ningún.
  • Aspectos negativos: Probabelmente esta é a pista máis vella de todas as que levamos visto ou a que peor aguanta o paso do tempo; o terreo de xogo é pequeno e, aínda por riba, contén dúas portarías que o fan ridículo. A pista está nun estado deplorábel, as liñas mal pintadas e o dato máis curioso é que non dispoñemos de rede para xogar ao tenis e, polo que me dixeron outros afecionados, xa leva tempo así; se non es da zona non é nada fácil dar con ela.

Conclusións: Este espazo deportivo precisa dunha rehabilitación urxente.

Ante esta situación que debería facer o concello:

  1. Habilitar pistas de tenis só para xogar a este deporte pois hai suficientes espazos dedicados a outros máis maioritarios: fútbol, baloncesto…
  2. Habilitar un sistema de citas ou horas tal e como sucede no pavillón deportivo e que evite aglomeracións (Pista 2).
  3. Realizar tarefas de mantemento máis a miúdo. Está moi ben facer unhas boas instalacións pero o coidado delas é fundamental.
  4. Se facemos unha pista de tenis, ter en conta as características dese deporte e a necesidade de contar cun terreo de xogo o suficientemente amplo para poder exercitalo debidamente.
  5. Señalizar a localización de ditas pistas.

Por certo, o concello do que falo é Outes.

[A foto da imaxe pertence ao usuario de Flickr Leonrw e leva por título: Tennis Ball]
Tags: críticas, instalacións_deportivas, Outes, tenis

{ 0 comments }


Clarificadoras palabras de Pilar García Negro.

Tags: críticas, Pilar_García_Negro, Rosalía_de_Castro

{ 0 comments }

Post image for The Stand

Despois de ver o final de Lost (aborrecido por uns e alabado por outros) -e posto que é unha das miñas series de cabeceira- lembrei que en numerosos capítulos desta serie de ciencia- ficción se fai referencia a diversos libros nos que os guionistas se basearon para desenvolver a historia da misteriosa illa. Un deles, talvez o máis influínte, é a versión alongada e reelaborada de The Stand de Stephen King: editado en castelán co título: Apocalipsis. Se a isto engadimos o feito de que ata o de agora nunca lera nada do prolífico e famoso escritor norteamericano decidín que xa tiña unha boa razón para comezar a lectura desta novela de mil cincocentas páxinas, mais con certas reservas: pois -é unha percepción persoal- asocio a Stephen King cun tipo de literatura excesivamente mediática e de consumo rápido da que non gusto moito.
O caso é que hai uns días rematei a lectura e a conclusión é que levei unha sorpresa  agradábel pois resultoume un bo entretemento para esta época soleada do ano.
Non sei no resto da súa obra pero, neste caso en particular, a narrativa de King pareceume sinxela (no bo sentido): estruturas sintácticas non complexas e vocabulario exento de palabras cultas, case que informal.
A historia desenvólvese nun contexto onde predominan as referencias á Biblia e á cultura popular norteamericana: grupos ou solistas musicais, autores e cine. Por exemplo, cinguíndome aos autores, vénme ágora á cabeza Lovecraft, Wells, Poe e Tolkien.
O fío argumental de The Stand é anecdótico: En 1990 un virus mortal -coñecido coma o Capitán Trotamundos- esténdese polos Estados Unidos e mata á práctica totalidade da poboación. Tan só quedan uns poucos superviventes que deben combater a un home chamado Randall Flagg (encarnación do propio Belcebú) que quere aniquilar ao resto de seres humanos que non concorden coas súas ideas: militarismo, exaltación do odio, cultura do medo, etc. É dicir, a típica loita entre o ben e o mal.
Pero, sobre todo, King céntrase nos personaxes: os seus matices sicolóxicos, por qué son dun xeito e non doutro, a redención dos mesmos; en poucas palabras: a propia comprensión do eu interior.
Polo tanto, e a pesar de que hai cousas deste libro que me disgustaron -entre elas un certo tufo patriótico- debo dicir que me sorprendeu e moi probabelmente volva ler algunha novela máis do escritor de Maine.

Tags: Lost, narrativa, series, Stephen_King

{ 0 comments }

Hurt

19/07/2010

in Música

Tags: American_Recordings_IV, Johnny_Cash, vídeos_musicais

{ 2 comments }

Post image for A Galiza real

Contra o pensamento túzaro, a Galiza neoconservadora e o político posh Manuel O´Rivas pón á disposición do lector unha recopilación de artigos publicados no suplemento Luces da edición de Galicia de El País nos que demostra non só que outra Galiza é posíbel senón que, de feito, xa existe e é a nós quen corresponde facela visíbel.
O´Rivas ofrece unha serie de ferramentas aos lectores para que nos conciencemos desa outra galeguidade visíbel e internacional. Por exemplo, fálanos de personaxes históricos e actuais relacionados con Galicia e que nos poden servir de modelo para defendérmonos dese  pensamento túzaro: Ramón María Aller, Xoaquín Loriga, Elena Poniatowska, Albino González, Antón Mouzo, Martin Sheen, Méndez Ferrín…
E algo que para min sempre é de agradecer nun libro: o propio autor proponnos lecturas, ofrécenos numerosas referencias literarias…

Tags: Edicións_Xerais, ensaio, Episodios_galegos, Manuel_O´Rivas

{ 0 comments }

End Love

17/06/2010

in Música


Aínda que as cancións deste grupo de indie rock non me atraen teño que admitir que os seus videoclips me impresionan cada vez máis. Neste en concreto, os membros do grupo aparecen movéndose a cámara rápida durante un lapso de tempo de aproximadamente vinte e catro horas.

Tags: Of_The_Blue_Colour_Of_The_Sky, OK_Go, vídeos_musicais

{ 2 comments }

En galego tamén se fai ciencia from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.

Tags: engalegotamensefaiciencia

{ 0 comments }

A historia de Unicrom desenvólvese nun universo paralelo, onde as xentes que o habitan -excepto unha das razas: os repugnantes- se moven por ideas e sentimentos nobres: a cooperación entre os pobos, o diálogo como medio para solucionar conflitos armados, a tolerancia e sobre todo: o amor. Un amor libre de egoísmos, de dobreces…
Ogallá nós,  que habitamos este planeta Terra, tivésemos (e triunfasen) uns comportamentos minimamente parecidos aos que describe -cunha imaxinación desbordante- este fermoso libro de Rosa Enríquez.

Tags: narrativa, Rosa_Enríquez, Sotelo_Blanco_Edicións

{ 0 comments }

A memoria do pasado

04.27.2010 Lecturas

Que os rastrollos do franquismo seguen vivos na nosa sociedade vese claramente estes días co galo do caso Garzón e a acusación presentada, entre outras organizacións, por Falange. Estes elementos son os que intenta visibilizar o protagonista do último libro de Xabier Quiroga titulado O cabo do Mundo. Carlos Pereiro é un profesor afectado cun [...]

Seguir lendo →

Tales From The Heart

04.15.2010 Curtametraxes

Como bo afeccionado que son ao mundo da infografía e das curtas en xeral, de cando en vez indago na Rede á busca de pequenas xoias -na minutaxe pero grandes, tanto na calidade das historias que contan coma as formas nas que se sustentan para facelo-. Desta volta, poño no blog unha peza que me [...]

Seguir lendo →
Creative Commons: Creative Commons License
xoseso by Xosé A. is licensed under a Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 España License.
Safe Creative #1006030190802